O núcleo de Moreiras, en Toén, será mellorado cun investimento de máis de 456.000 euros

A Xunta colaborará co Concello de Toén nas obras que completarán a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de Moreiras, que contan cun investimento de 456.368 euros. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, acompañada da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, asinou co alcalde de Toén, Ricardo González, o convenio para a posta en marcha destes traballos, que se enmarcan no Plan Hurbe do Goberno galego.
A través desta actuación crearanse un conxunto de espazos de lecer en Moreiras, incluíndo un auditorio ao aire libre, con escenario e bancos; a creación dunha zona de pérgolas con mobiliario para invitar ao descanso; un área de xogos infantís e outra onde se instalarán aparatos biosaudables (calistenia) e unha pista multideportiva.
Ademais, dotarase a zona de alumeado e rede de pluviais e completarase con mobiliario urbano.
A conselleira puxo en relevo que esta nova zona de lecer vai converterse “nun revulsivo para este concello” e subliñou que a actuación exemplifica os obxectivos do Plan Hurbe, “que buscan axudar aos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación”.
Neste senso, M. Allegue subliñou que a intervención “vai afianzar este espazo como punto de encontro e de convivencia de toda a veciñanza, con todo o que isto supón para a revitalización da zona”. “Con estes proxectos buscamos -engadiu-, reforzar o atractivo das nosas aldeas, vilas e municipios e contribuír así á revitalización do territorio e ao reforzo da competitividade económica”.
A través do convenio asinado hoxe, a Xunta financiará o 70% do orzamento total, case 320.000 euros; licitará e executará as obras, mentres que o Concello de Toén aportará o restante 30%, case 137.000 euros
Os traballos completarán outras tamén financiadas co apoio da Xunta e que permitiron urbanizar unha praza e mellorar a accesibilidade do núcleo de Moreiras.