O OUFF deu comezo á súa 30ª edición consolidándose como plataforma clave para a proxección do audiovisual galego

O Ourense Film Festival (OUFF) inaugurou este venres a súa 30ª edición coa estrea de Playa de lobos, comedia escrita e dirixida polo galego Javier Veiga. A gala tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense e incluíu a actuación da cantante Bebe xunto ao músico Pablo Novoa, ademais da entrega de dous dos premios honoríficos do certame.
Ao longo dos próximos dez días, ata o 5 de outubro, o festival ofrecerá máis de 160 proxeccións, nunha programación organizada pola Deputación de Ourense e a Asociación Cultural Luarada, co respaldo económico da Xunta de Galicia.
Entre as seccións presentadas destacan as dedicadas ao cinema galego —como Panorama Galicia, Fóra de Serie ou Made in Ou— xunto a apartados internacionais como a competición oficial de longametraxes e curtas, Sos Arxentina, Agarimo, Xeración OUFF, Amal en Ruta ou Cine Familiar. A sección Colleita, pola súa parte, reunirá traballos de cineastas cun vínculo especial co festival.
Durante a cerimonia entregáronse os premios Chano Piñeiro ao compositor José Manuel Cancela, galego afincado en Estados Unidos e gañador de cinco premios Emmy, e o AISGE á actriz e directora de dobraxe Charo Pena, voz habitual de intérpretes como Meryl Streep, Jane Fonda ou Susan Sarandon.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu ao acto acompañado polos responsables da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles. López Campos felicitou o equipo organizador polo aniversario e destacou o papel do OUFF como “o festival competitivo máis antigo de Galicia” e como plataforma fundamental para a proxección do audiovisual galego nun momento de crecente recoñecemento internacional.