O Our Fest poñerá un ano máis a Ourense no foco da música independente alternativa a nivel internacional

OurenseXa
A organización acaba de confirmar aos seis artistas que formarán parte do cartel da cuarta edición
presentacion-our-fest-2025
4 Sep 2025

O Our Fest regresa o sábado 27 de setembro a Expourense coa súa cuarta edición, consolidando a cidade como un punto de encontro imprescindible para a música independente alternativa. En apenas tres anos, o festival conseguiu atraer público de toda Galicia, de diferentes puntos da península e incluso do norte de Portugal, xerando un notable impacto cultural e social e ofrecendo experiencias únicas ao incorporar artistas que en moitos casos visitan Galicia por primeira vez.

O cartel desta edición presenta seis artistas nacionais e internacionais referentes no seu estilo. Desde Viena chegarán Kruder & Dorfmeister en formato DJ Set, pioneiros do downtempo e o trip hop, cuxo legado marcou toda unha xeración de oíntes. Xunto a eles estarán os lendarios Happy Mondays, responsables de dar forma ao movemento Madchester, que traerán o seu rock cargado de funk e psicodelia cunha actitude desenfadada que definiu toda unha época.

Mercury Rev achegará a súa psicodelia expansiva, ofrecendo unha das experiencias sonoras máis singulares da edición. Formados a finais dos oitenta en Nova York, transitaron entre shoegaze, pop sinfónico e experimentación radical, con discos esenciais como Deserter’s Songs, elixido álbum do ano por NME en 1998.

No ámbito estatal, León Benavente reafirma o seu lugar entre os grandes nomes do rock español. Cun repertorio que combina crudeza e lucidez cun pulso bailable e eléctrico, chegan a Ourense con Nueva sinfonía sobre el caos (2024), un traballo breve pero intenso que condensa a súa enerxía en cancións poderosas e hedonistas. O seu directo, “sempre magnético”, perfílase como unha das experiencias imprescindibles do festival.

Tamén a nivel nacional, Viva Belgrado, unha banda cordobesa con máis de doce anos de traxectoria e presenza en máis de trinta países, transformará a intensidade do post-hardcore nunha proposta propia. Con discos como Bellavista e Cancionero de los cielos, o seu concerto en Our Fest será o primeiro da súa xira, convertendo a Ourense nun arranque simbólico para a formación.

Finalmente, desde Londres chega Dream Nails, trío punk feminista que combina furia e empatía cun discurso combativo e festivo. O seu álbum Doom Loop, aclamado por Kerrang! e NME, consolidou o seu salto internacional, e co sinxelo de 2024 Control, producido polo gañador dun Grammy Adrian Bushby, demostran que a súa proposta é tan poderosa no pogo como contaxiosa na pista de baile. A súa identidade está vinculada á escena queer e á reivindicación de espazos seguros, onde a música se converte nun acto de resistencia, comunidade e celebración.

Our Fest conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia no marco dos Concertos do Xacobeo 2025, así como da Deputación de Ourense, o Concello de Ourense e Estrella Galicia, presente desde a primeira edición como un dos grandes aliados do proxecto.

Con esta cuarta edición, o festival reforza a súa identidade como unha cita imprescindible que reflicte pasado, presente e futuro da música alternativa, mantendo a súa ambición de consolidar Ourense como un punto de referencia cada setembro.

⚙ Configurar cookies
0.16398215293884