O Ouren Sound Fest pon autobuses de ida e volta dende o centro de Ourense ata o recinto

O Ouren Sound Fest pon a disposición dos asistentes un servizo de autobuses de ida e volta entre o centro de Ourense e o Complexo Deportivo de Monterrei, tanto este venres como o sábado.
Os autobuses do venres sairán do Parque de San Lázaro dende as 17.00 horas de hoxe e pasarán cada media hora, ata as 21.30 horas. Para volver, o transporte prestará servizo entre as 00.30 e as 04.30 horas, tamén cada media hora, agás os últimos, que sairán ás 03.30, ás 03.45 e ás 04.30 horas.
O sábado, as saídas comezarán ás 16.00 horas e sairán cada media hora ata ás 20.30 horas. Logo, o servizo prestarase cada hora ata as 23.30 horas, cando sairá o último autobús. Para volver, o servizo prestarase cada 30 minutos entre as 22.30 e as 02.30 horas. Despois, haberá un autobús ás 03.15 e outro ás 04.00 horas.
O domingo pola mañá tamén haberá un autobús ás 11.00 horas que levará ao asistentes á Praza de Pereiro de Aguiar, onde terá lugar o concerto gratuíto de Pakolas Ramona Órbita. O prezo de todos os servizos será de tres euros tanto para a ida como para a volta.
Cartel
O festival, que arrancou este xoves con dous concertos gratuítos na Praza de Pereiro de Aguiar da man de Helena e HYDN, abre oficialmente as portas este venres, 23 de maio, cando terán lugar as actuacións de A Duendeneta, Gargantúa, Siloé, Dani Frnández, Sexy Zebras e Carlos Crespo & Kris K DJs, entr as 18.40 e as 3.15 horas.
O sábado será a quenda de Martin Bruhn DJ, Guadi Galego, Xoel López, Viva Suecia, Ultraligera e Hoonine. O recinto abrirá ás 17.00 horas e ás 17.30 será o primeiro concerto.
Por último, o domingo, para pechar esta edición, haberá un concerto gratuíto na Praza da Igrexa de Pereiro de Aguiar da man de Pakolas Ramona Orbita, entre as 12.30 e as 13.30 horas.