O ourensán Alejandro Blanco Bravo, presidente do Comité Olímpico Español, será o pregoeiro da Feira do Viño do Ribeiro

OurenseXa
Blanco naceu en Ourense en 1950 e conta cunha extensa traxectoria deportiva e institucional que o converteron nunha das figuras máis recoñecidas do deporte español
alejandro-blanco-coe
Alejandro Blanco
30 Apr 2025

O presidente do Comité Olímpico Español, Alejandro Blanco Bravo, será o encargado de pronunciar o pregón inaugural da 62ª edición da Feira do Viño do Ribeiro, que se celebrará en Ribadavia do 1 ao 4 de maio.

Natural de Ourense, onde naceu en 1950, Blanco mantén un vínculo directo coa provincia á que pertence Ribadavia. A súa traxectoria deportiva e institucional convertérono nunha das figuras máis recoñecidas do deporte español. É cinturón negro 8º DAN de judo, foi presidente da Real Federación Española de Judo e Deportes Asociados, e desde 2005 ocupa a presidencia do Comité Olímpico Español. Ao longo da súa carreira, tamén formou parte de numerosos organismos deportivos tanto a nivel estatal como internacional, sendo presidente da candidatura olímpica Madrid 2020 e membro de diversas comisións do Comité Olímpico Internacional (COI).

Ademais, Alejandro Blanco recibiu a medalla de ouro do COI, entregada por Thomas Bach, en recoñecemento á súa labor solidaria e ao impulso do primeiro polideportivo para refuxiados no mundo. Unha distinción que lle foi outorgada durante a Asamblea Xeral de ACNO, celebrada na illa grega de Creta. Aos seus recoñecementos internacionais súmaselle tamén a Orde Olímpica do COI, concedida tamén polo propio Bach durante a XIX Gala do COE en Madrid, destacando a misión do Comité de “unificar o mundo”.

A elección de Alejandro Blanco como pregoeiro subliña a dimensión internacional da Feira do Viño do Ribeiro sen perder de vista as súas raíces. Na edición do ano pasado, o encargado do pregón foi Celso Rodríguez, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid e natural de Ribadavia, nun acto que tamén puxo en valor a relevancia desta feira para a vila e para toda a comarca.

Con esta designación, Ribadavia prepárase para unha nova edición da súa cita enogastronómica máis emblemática, onde tradición e modernidade se dan a man, nesta ocasión co apoio dunha figura de referencia do olimpismo mundial como Alejandro Blanco.

⚙ Configurar cookies
0.16166114807129