O ourensán Pablo Freire logra a medalla de ouro na 40ª edición da Olimpíada Iberoamericana de Matemáticas

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, recibiu esta mañá na Delegación Territorial, ao alumno do colexio IES As Lagoas, Pablo Freire, para felicitarlle por acadar a medalla de ouro na 40ª edición da Olimpíada Iberoamericana de Matemáticas, que se celebrou entre o 22 e o 29 do pasado mes de setembro en Chile.
Este estudante de 4º da ESO do IES As Lagoas logrou tamén no mes de setembro unha das medallas de prata colectivas na Olimpíada Matemática Mundial celebrada en Australia, destacando como o mellor representante do equipo nacional español.
Con tan só 16 anos, Pablo foi quen de resolver catro dos seis problemas propostos nunha das competicións máis esixentes do panorama internacional, o que o situou entre o 20% dos participantes con mellores resultados. A súa actuación serviu para poñer en valor o potencial académico da mocidade ourensá, cunha traxectoria que xa destacara nas olimpíadas matemáticas a nivel estatal.
Para chegar a este obxectivo, Freire adestra unhas catro horas diarias durante o curso, e nas vacacións aumenta o ritmo ata dez horas ao día. Esta disciplina permitiulle chegar en plena forma a ambas competicións internacionais.