O Ourense Film Festival contará cunha sección dedicada en exclusiva aos creadores ourensáns

O Ourense Film Festival (OUFF) incluirá na súa 30ª edición unha nova sección dirixida especificamente aos creadores da provincia. “Made in OU” nace co obxectivo de ofrecerlles un espazo dentro da programación do festival para que poidan exhibir os seus proxectos, tanto profesionais como amateurs, que non encaixen nas seccións oficiais ou teñan un formato non seleccionable.
“Ourense é a provincia que menos contidos audiovisuais crea, e contar cun oco para amosalos propiciará que novos creadores se animen a compartir as súas inquedanzas e que máis mozos e mozas da provincia se lancen a crear”, explica o director artístico do festival, Óscar Doviso.
Os requisitos para participar nesta sección son claros: os traballos deben contar con dirección ou produción ourensá, cun equipo técnico composto por, cando menos, un 80 % de persoas da provincia, ou estar gravado maioritariamente en Ourense (mínimo o 80 % da metraxe). Os proxectos poden presentarse a través dun formulario habilitado pola organización.
Made in OU súmase a outras novidades desta edición, como Faíscas, unha residencia audiovisual pensada para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que convivirán en Ourense durante cinco días para crear pezas audiovisuais en equipo.
Ademais, o OUFF celebrará o seu trixésimo aniversario co ciclo Xeración OUFF, que recuperará algunhas das longametraxes gañadoras do premio Calpurnia ao longo dos anos. Entre elas figuran Tren de sombras, de José Luis Guerín; The Station Agent, de Tom McCarthy; ou Mug, de Małgorzata Szumowska.
A programación completa deste ciclo, comisariado polo ourensán Alberto González Araujo, darase a coñecer nas vindeiras semanas. Araujo regresa ao festival como programador tras colaborar en edicións anteriores e ser responsable da selección de títulos como Parásitos ou Cachada.
O OUFF celebrarase do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, coorganizado pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada. A edición contará tamén cunha nova directiva e cun protocolo de contorno seguro para participantes e asistentes.