O Ourense Film Festival inaugura esta noite o seu 30º aniversario

Ourense prepárase para vivir desde este venres, 26 de setembro, ata o 10 de outubro, a 30ª edición do Ourense Film Festival (OUFF), que ofrecerá máis de 160 proxeccións en 10 días. A inauguración oficial terá lugar esta tarde ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa proxección de 'Playa de Lobos', dando inicio a máis de dúas semanas de cine, encontros e actividades culturais.
Entre as novidades desta edición destaca a introdución do Bono 10+, pensado para os espectadores que adquiran polo menos dez entradas para proxeccións de pago da Sección Oficial Internacional, Sección Oficial Panorama Galicia ou Inédito en Ourense: Sos Argentina. Segundo explicou Doviso, ao completar as dez casillas do bono, os asistentes obterán unha entrada para o estreo exclusivo dunha película sorpresa, que se proxectará o venres 10 de outubro ás 20:30 horas no Teatro Principal. “Queremos premiar á xente que participa; trátase dun agarimo para que tamén se sintan especiais e parte do festival”, sinalou.
A edición número 30 do OUFF contará co respaldo do selo Galicia Calidade, que dará nome ao galardón que premia á mellor dirección da Sección Oficial Panorama Galicia, reforzando o compromiso do festival coa calidade e a orixe galega.
PROTAGONISMO DOS CREADORES OURENSÁNS
Ademais, o festival incorpora unha nova sección dedicada aos creadores da provincia, 'Made in OU', que traerá ata nove traballos de creadores ourensáns ou realizados na provincia. Entre as obras seleccionadas inclúense documentais, curtas de ficción e pezas de animación, varias delas con estreo no festival. Os traballos poderán verse en tres pases no Centro Cultural Marcos Valcárcel e nunha sesión especial no Cineclube Padre Feijoo.
Made in OU é unha das moitas novidades da 30ª edición do OUFF e nace para que os creadores de Ourense teñan un escaparate dentro da programación do festival e poidan amosar publicamente o seu proxecto, tanto amateur como profesional, que non puidera estar nas seccións oficiais ou teña un formato non seleccionable. O Entroido da provincia será protagonista de varios dos traballos seleccionados, que tamén abordarán temas como as raíces e a memoria colectiva.
Outra novidade desta edición é 'Faíscas', unha residencia audiovisual destinada a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, que convivirán en Ourense durante cinco días para desenvolver en equipo pezas audiovisuais propias.
O festival celebrará o seu 30º aniversario tamén co ciclo 'Xeración OUFF', que recuperará algunhas das películas gañadoras do premio Calpurnia ao longo dos anos, como 'Tren de sombras', de José Luis Guerín; 'The Station Agent', de Tom McCarthy; e 'Mug', de Małgorzata Szumowska.
CALPURNIA DE HONRA
Este ano, o actor, guionista e director Daniel Guzmán recibirá a Calpurnia de Honra desta edición, recoñecendo a súa traxectoria no cine español contemporáneo. Neste sentido e con motivo do aniversario, o festival presentou unha nova imaxe da Calpurnia, redeseñada polo escultor Manuel Buciños. A diferenza doutros premios habituais, a Calpurnia deste ano é, segundo a organización, unha auténtica obra de arte, cun valor simbólico especial grazas á implicación directa do artista.
Con estas iniciativas, o OUFF refórzase na súa aposta pola calidade, a participación dos espectadores e o apoio ao talento local, consolidándose como un referente cultural en Galicia e no panorama cinematográfico español.