O Ourense Film Festival pechou a súa 30ª edición con récord de asistencia

O Ourense Film Festival presentou este xoves o balance da súa 30ª edición, destacada pola calidade das películas seleccionadas e a alta asistencia do público en todas as actividades programadas. O acto tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel e contou coa presenza de Óscar Doviso, director artístico do festival; Marcos Vázquez, director técnico; e Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense.
“O festival foi un éxito rotundo, incrementamos en un 50 % a asistencia respecto ao ano anterior”, destacou Doviso, asegurando que “non se pode pedir máis”. Ademais, enfatizou que no festival “cumprimos o noso compromiso, prometemos abrir novos camiños para que o OUFF chegase ás novas xeracións e así o fixemos”, ao tempo que consolidou “ao público de mediana e terceira idade”.
Os números respaldan estas declaracións: a participación total superou os 15.000 asistentes. A Sección Oficial Internacional reuniu 3.802 espectadores, mentres que a exposición Making Movies rexistrou ata o momento 3.556 visitas. As actividades paralelas sumaron 6.334 participantes. Espérase que, coas actividades restantes do festival, o total de público continúe en aumento.
A programación do OUFF aínda continúa. Este venres, ás 20:30 horas, proxectarase no Teatro Principal a película sorpresa para quen completou os 10 selos do Bonodez+, permitindo como novidade que os selos se sumen entre dous bonos, cunha entrada por persoa. Así mesmo, seguirán as actividades do OUFF Escola, a presentación do libro conmemorativo dos 30 anos e a exposición Making Movies, aberta ao público ata o 2 de novembro.
No acto, Luis Menor destacou o éxito de público como “un logro que hai que poñer en valor nunha cidade que demanda cultura”, e subliñou o apoio da Deputación ao festival. O presidente da Deputación aproveitou a ocasión para anunciar as datas da 31ª edición, que se celebrará do 25 de setembro ao 4 de outubro de 2026.