O Ourense Film Festival presenta o cartel do seu 30 aniversario

O Ourense Film Festival (OUFF) xa ten imaxe para celebrar o seu 30 aniversario. O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu a presentación oficial do cartel, deseñado polo ilustrador ourensán Miguel Robledo. Ao acto asistiron, ademais do autor, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor; o director artístico, Óscar Doviso; o director técnico, Marcos Vázquez; e o asesor de programación, César Silva.
Miguel Robledo amosouse moi agradecido pola oportunidade de poñer a súa sinatura nunha edición tan especial e explicou os detalles da súa obra: “Quixen tirar de elementos propios de Ourense: a figura de Calpurnia, a primeira habitante rexistrada da cidade e símbolo do festival, mesturada cun proxector que proxecta luz dende o seu ollo, como unha guía”, detallou. Pontes, río, catedral, a máquina do tren ou mesmo os soportais da Praza Maior, convertidos nunha tira de fotogramas, completan unha composición chea de referencias á cidade.
Unha das grandes novidades deste ano é que o cartel cobra vida. Así o explicou o director artístico, Óscar Doviso, quen destacou o traballo “potente e moi coidado” que lle dá forma á animación. A partir do debuxo orixinal de Robledo, a peza complétase coa animación realizada por Soraya Picouto, a banda sonora de Sebastián Mato, que incorpora sons tan ourensáns como o afiador, o tren ou o murmurio do río, e o novo logotipo do OUFF, obra de Miguelanxo Carvalho.
Doviso subliñou que, a través da mirada de Calpurnia, reflíctese a esencia do festival: “O cinema fainos mellores espectadores e mellores persoas, porque nos permite ver o mundo cos ollos doutros”.
Pola súa parte, o presidente da Deputación, Luis Menor, felicitou a Robledo por un traballo que, segundo destacou, “captura a esencia de Ourense e de lugares icónicos da cidade”. Menor subliñou que esta edición aspira a consolidar o OUFF como o gran festival de cinema de Galicia e lembrou que esta presentación supón o primeiro acto oficial do novo equipo que dirixe Óscar Doviso.
“Queremos demostrar que a Deputación de Ourense segue plenamente comprometida co futuro do festival, co audiovisual ourensán e galego, e coa promoción cultural que tanto precisamos na nosa cidade”, concluíu Menor.
O OUFF celebrará a súa 30ª edición do 26 de setembro ao 5 de outubro de 2025, organizado conxuntamente pola Deputación de Ourense e a Asociación Luarada.