O parque dos Carrís da Valenzá acolle este sábado a IV Foliada de Barbadás

OurenseXa
A cita está organizada pola Asociación Moureán en colaboración co Concello
foliada-mourean
22 May 2025

A Concellería de Cultura de Barbadás organiza, en colaboración coa Asociación Moureán, a cuarta edición da Foliada de Barbadás, que se celebrará este sábado, 24 de maio, no parque dos Carrís

O evento comezará ás 12.00 horas cun pasarrúas polas principais vías da Valenzá a cargo das agrupacións locais Nova Fronteira e a Banda de Música Cultural de Barbadás.

A partir das 13.00 horas celebrarase unha sesión vermú animada por bandas tradicionais, que se prolongará ata as 14:30 horas, momento no que dará comezo unha comida popular con degustación de porco ao espeto. Non será necesario retirar entradas con antelación, xa que a organización contará cun posto para adquirilas no mesmo lugar do evento.

Tras a comida, ás 16.15 horas, impartirase un obradoiro de danzas do mundo a cargo de Dantzari, e desde as 17.30 horas sucederase unha serie de concertos de varios grupos de música tradicional como Velai Vai, Cantares da Cunha, Escola Tradicional Nova Fronteira, Picafoles, Vagalumes e Pandereteiras de Seixalbo.

O momento máis esperado chegará ás 21.00 horas co concerto do grupo Fiandola, seguido dunha foliada aberta á participación de todo o público. Ademais, durante a tarde haberá xogos populares e sorteos, e o recinto contará cun Punto Violeta como espazo seguro.

⚙ Configurar cookies
0.14741086959839