O parque empresarial de Chorente, en Allariz, mellora a súa infraestrutura viaria cun investimento de máis de 40.000 euros

OurenseXa
A actuación foi financiada con fondos procedentes da convocatoria de 2025 de axudas destinada á modernización dos parques empresariais galegos
xunta-parque-empresarial-chorente-allariz
13 Feb 2026

O parque empresarial de Chorente, no municipio de Allariz, renova a súa infraestrutura viaria tras un investimento de máis de 40.000 euros procedentes da convocatoria do pasado ano destinada á modernización dos parques empresariais galegos.

Os traballos, financiados pola Consellería de Economía e Industria, enmárcanse na estratexia autonómica para reforzar a competitividade dos polígonos industriais e garantir que as empresas dispoñan de servizos e infraestruturas axeitadas para o desenvolvemento da súa actividade.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o recinto industrial acompañado pola alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, onde puxo en valor o investimento realizado e a política industrial do Goberno galego. No conxunto da provincia, a Xunta destinou máis de 500.000 euros a actuacións en áreas empresariais de Allariz (40.308 euros), San Cibrao das Viñas (120.000 euros), Vilamarín (74.424 euros), Xinzo de Limia (59.310 euros), O Pereiro de Aguiar (119.966 euros) e A Gudiña (93.522 euros).

Durante a visita, o delegado lembrou que permanece aberta unha nova orde de axudas dotada con máis de 3,4 millóns de euros para que os concellos galegos poidan acometer melloras como a implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias ou servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde. Como novidade este ano, as axudas tamén poderán destinarse á mellora de infraestruturas e espazos públicos dos parques empresariais para favorecer a súa integración paisaxística.

Manuel Pardo explicou que estas subvencións cubrirán o 80% do importe considerado subvencionable, cun máximo de 120.000 euros nas solicitudes individuais e de 138.000 nas conxuntas, contemplando anticipos de ata o 25% da axuda concedida. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 3 de marzo e poderán tramitarse tanto de forma individual como conxunta.

O representante autonómico concluíu subliñando o compromiso da Xunta co tecido empresarial ourensán, co obxectivo de optimizar os servizos e infraestruturas dos parques industriais, favorecer a implantación de novas compañías e contribuír á xeración de emprego local.

⚙ Configurar cookies
0.086428165435791