O Parque Lucinda de Fonsillón converterase nun novo espazo de lecer interxeracional

O Concello de Barbadás vén de aprobar a recuperación do Parque Lucinda, en Fonsillón, cun proxecto que transformará un espazo ata agora en desuso nun lugar de encontro aberto a todas as xeracións.
A intervención, cun orzamento de 68.970 euros, contempla a instalación dunha cancha deportiva, unha área de xogos infantís e un merendeiro equipado con mesas de granito. Con estes elementos, o espazo pretende converterse nun punto de convivencia e gozo para veciños de todas as idades.
Desde o goberno local subliñaron que esta actuación responde á aposta por revitalizar zonas públicas e crear infraestruturas que favorezan a vida comunitaria. “O Parque Lucinda vai deixar de ser un espazo esquecido para pasar a ser un lugar de referencia, pensado para compartir, practicar deporte e desfrutar do tempo libre en compañía”, sinalaron.