O Pavillón da Chaira estreou novas instalacións

O Concello de Pereiro de Aguiar, en colaboración coa Deputación de Ourense, investiu 75.000 euros na renovación do Pavillón da Chaira. A actuación incluíu a instalación dunha pista nova e de canastras homologadas, que se engaden ás melloras xa realizadas nos últimos meses en vestiarios, accesos, calefacción, eficiencia enerxética e gradas.
As instalacións, salientan dende o Concello, están a ter cada vez máis uso por parte da veciñanza e recibiron tamén o respaldo do Club Ourense Baloncesto (COB), que escolleu o pavillón para desenvolver a súa pretempada. “É unha satisfacción ver como cada día máis xente fai uso do pavillón e como entidades de prestixio como o COB o valoran para adestrar”, destacou o alcalde, Luis Menor.
O goberno local adianta que o plan de mellora das infraestruturas deportivas continuará con actuacións nos campos de fútbol e nas pistas polideportivas, co obxectivo de consolidar ao Pereiro de Aguiar como referente no ámbito deportivo.