O Pazo de Vilamarín acolleu unha xuntanza da Irmandade dos Vinhos Galegos

OurenseXa
O presidente provincial, Luis Menor, participou neste encontró onde destacou o papel do viño como elemento representativo do territorio
irmandade-viñoss-galegos
16 Mar 2026

O Pazo de Vilamarín foi escenario este sábado dun encontro da Irmandade dos Vinhos Galegos, unha asociación dedicada á promoción e difusión da cultura do viño en Galicia. A reunión celebrouse nun lugar especialmente simbólico para a entidade, xa que foi precisamente neste castelo onde se fundou no ano 1995.

No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, quen deu a benvida aos integrantes da irmandade e agradeceu o seu labor na promoción do sector vitivinícola galego. Durante a súa intervención, destacou o papel do viño como elemento representativo do territorio, valorando o traballo da entidade na súa difusión e defensa. Así, subliñou a súa contribución á posta en valor dun dos “mellores embaixadores da nosa terra”.

Menor lembrou tamén a relevancia que ten o sector do viño na provincia de Ourense, non só desde o punto de vista agrícola, senón tamén polo seu impacto no desenvolvemento económico, social e turístico. Neste sentido, destacou a colaboración que mantén a Deputación con iniciativas vinculadas á promoción vitivinícola.
Durante o encontro, a institución provincial entregou aos membros asistentes da irmandade un exemplar do libro A Ribeira Sacra Histórica, da autoría de Alberto Cacharrón, tamén integrante da propia entidade.

A Irmandade dos Vinhos Galegos traballa desde hai tres décadas na difusión dun dos sinais de identidade máis representativos da cultura galega, como son o viño e a viña. Pola súa banda, a Deputación de Ourense mantén diferentes liñas de apoio para a promoción dos viños das denominacións de orixe da provincia —Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra—, especialmente en mercados internacionais e en actividades de divulgación e promoción.

0.13441896438599