O Pazo Provincial estrea unha fachada totalmente renovada

As fachadas do Pazo Provincial, sede da Deputación de Ourense, lucen desde esta semana completamente renovadas. A intervención, que se prolongou durante os últimos catro meses, tivo como obxectivo reparar os danos causados por actos vandálicos —con pintura, botes de fume e petardos— e devolver o valor estético e patrimonial a este edificio histórico.
Un dos cambios máis chamativos atópase nos portóns de madeira das fachadas principais. Durante a reparación descubriuse que a primeira capa de pintura era branca, cuberta despois por diferentes tons de verde ao longo dos anos. Finalmente, decidiuse recuperar a cor orixinal, que tamén estaba presente na carpintaría das plantas superiores e na do Centro Cultural Marcos Valcárcel.
As obras comezaron a mediados de maio na rúa Fonte do Rei, continuaron pola fachada de Cruz Vermella e concluíron na da rúa Progreso, a máis afectada polos danos. O proxecto, elaborado polo servizo provincial de arquitectura, incluíu a limpeza da pedra, paredes, portas e xanelas, así como a reparación e pintado de paramentos. Tamén se restaurou a cantería histórica e retiráronse elementos en desuso, empregando morteiros compatibles cos materiais orixinais.
O Pazo Provincial está catalogado como “edificio de protección estrutural” por Patrimonio, o que obrigou a contar con especialistas en restauración para seleccionar os produtos máis axeitados á hora de eliminar as manchas de pintura sen danar a pedra.