O persoal de mantemento do CHUO convoca seis xornadas de folga para esixir melloras laborais

O persoal de Serveo Servicios, empresa concesionaria encargada do mantemento no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), convocou seis xornadas de folga de 24 horas para os días 3, 4, 5, 10, 11 e 12 de febreiro. A mobilización ten como obxectivo esixir novas contratacións e melloras laborais e salariais, que deberían ter carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro.
A empresa xa iniciou negociacións coa representación sindical antes de que comezaran os paros. Desde CIG-Industria lembran que estas demandas quedaron pendentes tras a folga de 110 días en 2018. Entre as reclamacións principais figura a necesidade de aumentar o persoal, xa que a falta de efectivos obriga a que un reducido número de traballadores cubra baixas, noites, vacacións e fins de semana. Por iso, denuncian que "o servizo que se presta non é o axeitado para un complexo hospitalario destas dimensións". O aumento de persoal, explican, permitiría ademais manter unha correcta organización dos turnos, garantindo unha semana libre nos meses de xullo e agosto.
Outras demandas inclúen o pago da hora nocturna entre as 22:00 e as 23:00 horas cos atrasos correspondentes, a incorporación do plus tóxico, penoso e perigoso do 35% para todo o persoal, e a inclusión dos traballadores de quendas fixas nas rotatorias.
Ademais, solicitan a actualización dos pagos de conceptos fóra do convenio (gardas e fins de semana) e a revisión das categorías laborais das persoas que o soliciten.