O persoal do sector siderometal da provincia de Ourense convoca dúas xornadas de folga

O persoal do siderometal na provincia de Ourense decidiu en asemblea convocar folga para os próximos 15 e 16 de outubro ante o estancamento das negociacións do convenio colectivo por parte da patronal. Segundo denuncian os sindicatos, a empresa continúa a presentar propostas regresivas que inclúen un aumento insuficiente dos salarios e a ampliación da xornada laboral.
Dende a CIG-Industria acusan ao empresariado de buscar confrontación, tal e como ocorreu, sinalan, na anterior negociación do convenio. Explican que a parte social presentou unha contraoferta o pasado 8 de xullo, que non recibiu resposta ata o 1 de setembro. Na súa contestación, a patronal remitíase á proposta do 21 de maio, que prevé un convenio a tres anos (2025, 2026 e 2027) cunha suba salarial total do 7,5 % e pequenas cantidades en concepto de plus de asistencia nos dous últimos anos. “Non queremos plus de asistencia efectiva, o que queremos é incremento do salario base e carencia de incentivos”, sinalan os sindicatos.
No referente á actualización salarial, a patronal propón que a cláusula do IPC só se aplique se a suma do IPC dos tres anos supera o 9,5 %, con actualización máxima de tres puntos. Ademais, propoñen un día máis de traballo anual respecto a 2024.
As centrais sindicais, pola súa banda, manteñen a súa proposta de convenio a dous anos, cunha suba de 100 euros mensuais en 2025 e 100 euros en 2026, actualización anual a IPC real sen topes e unha xornada anual de 1.712 horas.
Ante a negativa do empresariado, a CIG e UGT iniciaron un calendario de mobilizacións que incluíu unha concentración e unha manifestación que percorreu a cidade desde a Casa Sindical ata a sede da Confederación Empresarial de Ourense (CEO). Agora optan por convocar duas xornadas de folga, que poderían ampliarse se a patronal persiste nas súas propostas regresivas en salarios e dereitos.