O Plan de Lectura Provincial mobilizou máis 217.000 euros nas librarías da provincia con 17.450 bonos

OurenseXa
A iniciativa está activa ata o 20 de decembro e supera xa máis do 60% do orzamento previsto
biblioteca-libros-1
15 Nov 2025

O Plan de Lectura Provincial posto en marcha pola Deputación de Ourense mobilizou xa máis 217.000 euros nas librarías locais dos municipios da provincia adheridos a esta iniciativa, con un total de 17.450 bonos repartidos, o que supón un 62,09% do orzamento.

A acción, que ten como obxectivo apoiar ás librarías ourensás, fomentar a lectura en todas as idades e dinamizar o sector cultural da provincia, está en marcha ata o 20 de decembro.

Segundo os últimos datos recompilados pola institución provincial, a campaña segue a mostrar un alto grao de participación cidadá e un forte impacto económico: a día de hoxe, hai 17.453 bonos xerados; 12.409 bonos canxeados; 217.299,28 euros facturados nas librarías adheridas a través destes bonos; e 1.503 incidencias resoltas, todas elas xestionadas con éxito polo servizo técnico da campaña.

Así mesmo, aínda quedan 132.700,72 euros en bonos pendentes de canxe nas librarías da provincia, o que garante a continuidade da actividade económica e cultural nos vindeiros días.

Para o Goberno provincial, estes resultados confirman “o éxito e a acollida social dun plan pensado para impulsar o acceso á lectura, apoiar o comercio local do libro e fortalecer o tecido cultural ourensán”.
O plan, destacan, consolídase así como unha ferramenta eficaz para fomentar hábitos lectores e reforzar a economía cultural no territorio, contribuíndo á dinamización das librarías e ao acceso á cultura para todos os públicos en Ourense.

As axudas, que consisten nun libro por persoa cun custo máximo de 20 euros, poden solicitarse nos establecementos comerciais que se adheriron ao programa e que superan o medio cento en toda a provincia.

O Plan de Lectura provincial está destinado aos mozos da provincia nados no ano 2007 en adiante, empadroados en algún concello da provincia de Ourense. As axudas son compatibles con calquera outra que puidese percibir coa mesma finalidade doutras institucións públicas ou privadas.

⚙ Configurar cookies
0.074342012405396