O Plan de Mellora de Camiños Rurais deixou preto de 4 millóns de euros na provincia de Ourense

En total, son 85 os concellos da provincia de Ourense que se benefician destas axudas
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, durante unha visita ao Concello de Nogueira de Ramuín
23 Xul 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá o concello de Nogueira de Ramuín para manter un encontro co seu alcalde, Julio Temes, coñecer de primeira man as necesidades do municipio e repasar vías de colaboración entre ámbalas dúas administracións.

O delegado territorial da Xunta aproveitou a súa estadía en Nogueira de Ramuín para lembrar a resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia do pasado día 17 de xullo, das axudas do Plan de mellora de camiños rurais 2024-2025, que resolveu unha asignación de preto de 55.000 euros para este Concello.

Estas achegas, enmarcadas no PDR 14 - 20, e convocadas pola Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, destina preto de 4 millóns de euros a 83 concellos da provincia de Ourense. As mesmas están cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e contan cun orzamento de case 19,5 millóns de euros, o máis alto dende o ano 2017.

Manuel Pardo explicou que o Plan de mellora de camiños rurais persegue mellorar camiños de acceso a parcelas agrícolas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Así, os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación.

Estas axudas financiaron nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, foron subvencionables as actuacións de ampliación, mellora ou mantemento dos camiños que formen parte da rede viaria de acceso a unha ou varias entidades de poboación. Considéranse obras de ampliación aquelas que supoñan un incremento da largura que incidan na mellora da seguranza viaria, permitan o cruce de vehículos ou sobrelargos necesarios en zonas de curvas, de baixa visibilidade ou entroncamentos. Por outra banda, son actuacións de mellora aquelas que supoñan un reforzo do firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico rodado que soportan.

Para a distribución dos fondos desta iniciativa, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural acordou coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) os criterios de repartición. Deste xeito, a partida dispoñible repártese en cada convocatoria entre os 313 concellos da Comunidade, partindo dunha asignación fixa por concello, que se incrementa en función do número de entidades de poboación e do número de habitantes do municipio. Ademais de ter en conta outros requisitos, na distribución dos fondos prímanse -por exemplo- aqueles concellos que foron obxecto dun proceso de fusión municipal.

0.18969798088074