O Plan Director acadou os 35.251 centros participantes na provincia de Ourense en 2025

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, resaltou hoxe “o éxito crecente” do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos e as súas contornas, que no ano 2025 alcanzou 35.251 participantes, un 2 % máis que no ano anterior.
Santos fixo estas declaración trala a comisión provincial do Plan Director, na que tamén participaron o alto inspector da área de Alta Inspección de Educación da Delegación do Goberno en Galicia, Xosé Alfeirán, o capitán da Garda Civil, Ramiro González, o inspector de Participación Cidadá da Policía Nacional, Manuel Felipe Rodríguez, o inspector de Educación, Rubén Veloso, e a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias.
Segundo as estatísticas revisadas durante a sesión, en 2025 o Plan Director desenvolveuse en 132 centros educativos da provincia, dos que 95 pertencen á demarcación da Garda Civil e o resto á Policía Nacional. Entre os participantes, 32.557 foron alumnos e alumnas, 1.313 familiares e 1.381 docentes. “O incremento na participación produciuse nos tres grupos, o que é unha boa noticia porque as familias e o profesorado tamén deben participar dunha maior sensibilización para crear entre todos un futuro máis seguro”, subliñou Santos.
No ano pasado celebráronse 761 actividades, das que 722 foron conferencias. As temáticas máis solicitadas foron TIC e ciberseguridade (183), acoso e ciberacoso escolar (164), adiccións con e sen substancia (67), violencia sobre a muller (63) e seguridade viaria (56).
En canto ao primeiro trimestre do curso 2025-26, presentaron a solicitude 70 centros educativos, con 8.578 participantes, entre os que se contan 8.067 alumnos e alumnas, 482 docentes e 29 familiares. Ata o momento, Policía Nacional e Garda Civil impartiron 171 conferencias, 57 sobre TIC e ciberseguridade e 50 sobre acoso e ciberacoso escolar.
O subdelegado do Goberno felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e aos servizos implicados “por levar a seguridade, a conciencia e a prevención dos perigos aos centros educativos de toda a provincia” e destacou que o reto actual do Plan Director é implicar aínda máis ás familias. “O incremento na participación das familias é esencial para lograr unha maior sensibilización e crear entre todos un futuro máis seguro”, apuntou Santos.