O Plan Director en Ourense contou con 7.186 participantes no primeiro semestre

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, subliñou este luns “o éxito crecente” que supón o Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos centros Educativos e as súas Contornas na provincia de Ourense, con 7.186 participantes no primeiro trimestre do curso 2024-25.
Na comisión provincial, presidida polo subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, participaron o director da área de Alta Inspección de Educación, Xosé Lois García; o capitán da Garda Civil Ramiro García; o inspector de Participación Cidadá da Policía Nacional José Antonio Armero; o inspector de Educación Rubén Veloso; a xefa da Unidade de Violencia contra a Muller da Subdelegación do Goberno, Alida Iglesias, e o secretario xeral da Subdelegación, Manuel Arias.
No salón do trono da Subdelegación do Goberno en Ourense, Eladio Santos celebrou que a participación do alumnado no programa de charlas aumentou un 50% respecto ao primeiro trimestre do curso anterior. Rexistráronse 7.186 participantes (6.754 alumnos, 246 familias e 186 docentes).
O número de centros que solicitou charlas nos tres primeiros meses do curso foi de 74. No total do ano 2024 foron 147 centros, o 85% das escolas da provincia. Acolleron durante ese exercicio 689 charlas, con diversas temáticas: ciberseguridade (127); adiccións (96), violencia sobre a muller (153) e acoso e ciberacoso escolar (322). Tamén se fixeron o ano pasado 63 actividades complementarias e 171 clasificadas en outras actividades.
Respecto ao primeiro trimestre deste curso 2024-25, a Policía Nacional e a Garda Civil impartiron 214 conferencias, das que 70 foron de ciberseguridade; 53, de ciberacoso; 31 de adiccións; 25 de violencia sobre a muller; 5 de prevención de delitos sexuais; unha de trata de seres humanos; 4 de delitos de odio; 5 de protección de datos; 7 de medio ambiente; 5 de seguridade viaria, e 8 de orientación profesional.
O subdelegado do Goberno felicitou ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a tódolos servizos implicados por levar a seguridade, a conciencia e a prevención dos perigos aos centros educativos de toda a provincia. O reto actual do Plan Director, sinalou o subdelegado, é chegar ás familias, pois é esencial que os pais e nais participen tamén nestas conferencias para coñecer os perigos aos que se enfrontan os seus fillos e as súas fillas.