O Pleno da Deputación aproba tres modificacións de crédito por 41,5 millóns de euros sen votos en contra

O Pleno da Deputación de Ourense sacou adiante tres expedientes de modificación de crédito por importe de 41,5 millóns de euros. Un fito que dende o goberno provincial cualificaron de “histórico” ya que a proposta, que fora presentada o pasado luns, non tivo ningún voto en contra da oposición.
Do total, destinaranse 24,7 millóns para a prestación dos servizos da Deputación de Ourense; 9,6 para cooperación cos concellos; e 7,1 millóns para colaboración con entidades e mancomunidades
Segundo estas cifras, a cooperación coas entidades locais alcanza os 10,5 millóns de euros (9,6 para concellos e preto de 900.000 euros para mancomunidades). Unha cantidade que permitirá financiar máis de 220 accións, das que a meirande parte están destinadas á mellora e recuperación de infraestruturas e servizos básicos, ademais de proxectos de eficiencia enerxética ou actividades culturais, entre outros.
Compre apuntar no ámbito local os compromisos asumidos en materia de asistencia a maiores, financiando con máis de 800.000 euros oito actuacións noutros tantos concellos para mellora, ampliación o funcionamento de residencias. Neste sentido destacan os recursos destinados á construción dos centros de Baltar (250.000 euros) e Xunqueira de Ambía (200.000 euros).
Tamén é importante o capítulo de infraestruturas deportivas, con case 613.000 euros para doce concellos, entre eles para a construción de campos de fútbol en Viana do Bolo (150.000 euros); Maside (100.000 euros); ou Cenlle (165.000 euros).
En cooperación destacan ademais os 440.000 euros en axudas para os concellos onde se localizan as bases dos GES (40.000 euros para Avión, O Barco, Castro Caldelas, A Gudiña, Laza, Lobios, Muíños, Pereiro de Aguiar, Ribadavia, A Veiga e o servizo da mancomunidade Terra de Celanova), así como os 250.000 euros en axudas para os concellos con conservatorios de música (50.000 euros para O Barco, Carballiño, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia).
9 millóns para o mantemento das vías provinciais
No expediente de modificación de créditos para servizos da Deputación figura unha achega total de 4,5 millóns para atender estas vías, cantidade que sumada a unha idéntica partida xa consignada nos orzamentos deste ano eleva os recursos para estradas provinciais ata os 9 millóns de euros, dous millóns máis que no pasado exercicio.
Para a prestación de servizos, execución de plans e colaboración con outras administracións, a modificación de crédito inclúe case 6 millóns de euros para actuacións en Medio Ambiente, con especial atención ao servizo de recollida e tratamento de lixo, sendo a Deputación de Ourense a única institución provincial de Galicia que presta este servizo de modo directo.
No marco dos acordos alcanzados coa Xunta de Galicia para a execución de diferentes plans na provincia recóllese o convenio con Medio Rural para a prevención de incendios (1,5 millóns); o cofinanciamento de residencias de maiores (1,4 millóns); ou a promoción de actividades deportivas e culturais, en ambos casos con 150.000 euros. Hay que citar tamén neste capítulo o plan provincial de vivenda (500.000 euros) ou o plan provincial de lectura (350.000 euros).
O terceiro dos expedientes de modificación aprobados vai dirixido á colaboración con entidades, con máis de 130 achegas dirixidas a asociacións de carácter social, empresariais, do sector primario, educación, cultura, deporte ou sanidade.
Pola súa contía e reflectindo os compromisos asumidos destacan neste punto as axudas destinadas á Comunidade de Regantes da Limia para a modernización do regadío, e ao Consorcio de Turismo Ribeira Sacra para o plan de mobilidade, nos dous casos con achegas de 500.000 euros.