O Pleno da Deputación aproba unha nova ordenanza para a recollida de residuos industriais
O Grupo Provincial Socialista enxalza a aprobación no último Pleno da Deputación de Ourense dunha ordenanza para a recollida de residuos industriais non perigosos e especiais “xusta” e “extensiva” a todos os concellos ourensáns, despois de que o PP presentara unha proposta inicial discriminatoria para o groso de empresarios, xa que establecía unhas “zonas prioritarias” arredor da capital en detrimento do resto. “Unha proposta do grupo de goberno Popular que sancionaba a desigualdade e coa que os socialistas estábamos en total desacordo, e por iso presentamos unhas serie de alegacións urxentes solicitando unha ordenanza común para toda a provincia, que non outorgase privilexios a ningunha área.
"Ao final foron recollidas as nosas esixencias, permitíndonos adoptar un texto definitivo no que se sanciona a equidade entre polígonos da provincia, independentemente da súa localización”, explica Aurentino Alonso, deputado socialista da comarca de Valdeorras. Membros do Grupo Provincial Socialista presentaron este “fito para acabar paulatinamente coas discriminacións inflixidas polo PP á nosa provincia” no Polígono Industrial A Raña, no Barco. O texto proposto polo PP comprendía dúas áreas, a saber, unha “zona prioritaria”, que abarcaba os polígonos industriais e empresariais dos concellos de San Cibrao e do Pereiro de Aguiar, e unha “zona non prioritaria”, que comprendía ao resto.
Esta delimitación de diferentes áreas tiña impacto directo sobre o custo do servizo, que era substancialmente máis elevado para os operadores da “zona non prioritaria”. “Conseguimos que na súa forma definitiva a ordenanza sexa equitativa, xa que trata de igual xeito a operadores, empresarios e propietarios de industrias, talleres e almacéns independentemente da súa proximidade coa capital, beneficiándose das nosas alegacións polígonos coma este no que nos atopamos, no Barco”, sostén Alonso.
“Seguiremos a apertar” contra as discriminacións
“Logramos que a ordenanza garanta a prestación integral, axeitada e xusta dos servizos na totalidade do territorio da provincia dos servizos de competencia municipal para a recollida e tratamento dos residuos industriais no perigosos, que non era o caso na proposta inicial presentada polo grupo de goberno do PP”, destaca Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense.
“O PSdeG-PSOE segue a traballar para acabar coa discriminación sistemática do PP cara certos concellos. Á aprobación dun Plan Único de financiamento dos concellos sobre a base de criterios obxectivos e a rectificación dunha modificación de crédito da Deputación que excluía a once concellos no reparto, sendo oito do PSdeG-PSOE e tres do BNG, agora conseguimos que tomen en consideración das nosas alegacións para adoptar unha ordenanza que sanciona a igualdade de todos os municipios da provincia”, estima o voceiro socialista. “Seguiremos a apertar ao grupo de goberno do PP para que as medidas sexan equitativas para toda a provincia”, conclúe Vila.