O Pleno do Concello de Ourense aproba blindar o servicio do comedor sobre rodas
O grupo municipal socialista conseguiu que se aprobase –co apoio da oposición e os votos en contra do executivo de Gonzalo Pérez Jácome– a súa moción para instar a que se recupere, potencie e blinde o Comedor sobre Rodas no Concello de Ourense.
Natalia González Benéitez, portavoz do PSdeG, defendeu a iniciativa no pleno ordinario de abril lembrando que se puxo en marcha por parte do executivo do seu partido durante o mandato 2007-2012. “Foi un dos programas pioneiros e de maior demanda no seu momento, dado que aportaba unha axuda fundamental garantindo unha alimentación adaptada ás necesidades dos maiores e tamén das persoas dependentes da cidade, perfectamente accesible para as usuarias de maior vulnerabilidade económica”, apuntou.
“Hoxe, desgraciadamente, é un servizo social máis dos tantos suprimidos por Democracia Orensana. Efectivamente, deixaron morrer a atención que se daba a 58 persoas sen alternativa para comer. Se lles comunicou o 27 de marzo que non se continuaba co Comedor sobre Rodas sen ter outra opción para ofrecer e enviaron unha nota de prensa dicindo que esto suporá un aforro de 90.000 euros. Hai que ter a cara de cemento armado”, recriminou a edil á concelleira de Benestar Social durante a súa quenda de intervención.
A tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense lembrou que o programa de Xantar na Casa, que depende da Xunta de Galicia e ao que se queren adherir dende o executivo local, non é exactamente como o que funcionaba na cidade e que visitaba, diariamente, ás persoas que se beneficiaban do mesmo. “A medida de recorrer ao convenio autonómico non é máis que un parche previo á desaparición deste servizo xa que, a priori, non é ampliable no número de usuarios. E a pesar de que si está en marcha en moitos outros concellos por cuestións de incapacidade orzamentaria este non é o caso que nos ocupa”, sinalou sobre o que cualificou como de falta de vontade política.
Tamén conseguiu o grupo municipal socialista que se aprobase –cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e os votos en contra de DO– a súa iniciativa para que se elabore un regulamento para a celebración de ceremonias civís –do que xa dispoñen outros concellos– e que se inste á declaración de nulidade do decreto que impide ás e aos edís oficiar casamentos.
“Existe unha lei que permite aos alcaldes, alcaldesas, concelleiros e concelleiras oficiar matrimonios civís porque se entende que pertencen á administración máis próxima á cidadanía. Non pode existir unha mafia nas vodas de Ourense porque a xente ten que saber que non cobramos por ese labor e que a taxa que hai que pagar é exclusivamente administrativa e non pode indicar corrupción”, sinalou a socialista María Fernández Ojea.
“O propio alcalde afirmou nun pleno do ano 2022 que casar fidelizaba votos. O que implica que poidamos estar ante unha nova teima súa. Na miña opinión a norma é nula, bastante absurda e absolutamente antidemocrática. Os grupos políticos deberían reunirse para elaborar un regulamento de cerimonias e é de recoñecer que a idea foi de Gonzalo Pérez Jácome, hoxe alcalde, líder da oposición de Democracia Orensana no momento en que presentou a iniciativa no 2018”, engadiu lembrando que a citada moción fóra aprobada por unanimidade de todas as formacións.
Nesta liña, argumentou que a decisión implica unha restricción dos dereitos das parellas á hora de elixir ás persoas que prefiren para un dos días máis importantes das súas vidas e, a súa vez, das e dos edís por restrinxir a súa participación en representación da cidadanía. “É un abuso de competencias e prerrogativas por parte do alcalde por unha teima coa que amenceu un día. É incrible que ninguén lle diga: delle unha volta!”, interpelou a socialista ao rexedor.