O Polígono Industrial de San Cibrao mellora a rede de vídeo vixilancia

As actuacións contaron cun orzamento de 42.000 euros e consistiron na instalación dunha rede eléctrica de baixa tensión para mellorar a seguridade nas empresas do polígono
Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas
Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas
26 Dec 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse na mañá de hoxe ao concello San Cibrao para, da man da alcaldesa, Marta Nóvoa, e do presidente da Asociación de Empresarios, Jose Antonio Rodríguez, supervisar o remate das obras de instalación eléctrica de baixa tensión para a mellora da rede troncal de vídeo vixilancia no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, nas que a Consellería de Economía e Industria investiu preto de 42.000 euros.

O delegado territorial salientou que con esta actuación o Polígono Industrial de San Cibrao, deu un paso moi importante na seguridade das empresas, de modo que desenvolvan o seu labor sen riscos nos seus negocios. En definitiva, conseguirase ter un polígono seguro en materia de circulación vial, en materia de incendios, e con este proxecto, en materia de roubos.

“Neste proxecto executado -mantivo Manuel Pardo- utilizáronse as últimas tecnoloxías dispoñibles, como é a fibra óptica, e cámaras e servidores con Intelixencia Artificial”. Esta tecnoloxía permite a transmisión de datos dentro do Polígono e o análise de estes datos de forma axeitada, como pode ser a televixilancia, Con este proxecto preténdese mellorar a competitividade das empresas, empregando un sistema que permite a videovixilancia de alta resolución coa conseguinte mellora na seguridade de todas as instalacións do polígono.

O delegado territorial aproveitou a súa estadía en San Cibrao para lembrar a recente publicación no DOG da resolución das axudas concedidas á habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da Comunidade Autónoma de Galicia que ten como beneficiarios a 8 concellos da provincia de Ourense (Beariz, Celanova, Pereiro de Aguiar, Pontedeva, Vilamarín, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e San Cibrao das Viñas) con preto de 460.000 euros.

Neste sentido, Manuel Pardo puxo en valor o compromiso da Xunta por facer de Galicia un polo de atracción industrial na Península e destacou que, para iso, o Goberno galego está a ofrecer a máxima axilidade administrativa e medidas de apoio ao tecido produtivo a través da Oficina Económica de Galicia, dependente do Igape, que desde a súa posta en marcha no mes de abril leva atendidas máis de 7.000 consultas.

O delegado territorial tamén recordou a política industrial que se está a desenvolver en Galicia. "Contamos con instrumentos como o Plan de aceleración de proxectos industriais que temos en marcha para aqueles que superen os 800.000 euros de investimento - explicou - e estamos traballando nos plans directores para os sectores estratéxicos de Galicia, dos que acabamos de presentar o borrador do naval e da automoción, dúas medidas que xunto coa posta a disposición de solo industrial gratuíto durante os primeiros oito anos nos van a posicionar como unha das comunidades máis atractivas para as empresas xa instaladas e para atraer novos investimentos".

0.16967701911926