O polígono industrial de Vilamarín mellorará as súas instalacións

OurenseXa
A Xunta destina preto de 75.000 euros para mellorar os aparcadoiros, as vías e a xestión de residuos
manuel-pardo-visita-vilamarin
2 Aug 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este venres, xunto ao alcalde Amador Vázquez, o parque empresarial de Vilamarín, onde a Consellería de Economía e Industria destinou preto de 75.000 euros para mellorar os aparcadoiros, as vías e a xestión de residuos do polígono industrial. Esta inversión forma parte das axudas destinadas á habilitación e mellora de infraestruturas nos parques empresariais galegos.

Manuel Pardo destacou que o Goberno galego aportou preto de 288.000 euros aos parques industriais dos concellos do Pereiro de Aguiar, A Gudiña e Vilamarín, “en liña coa política industrial da Xunta para a modernización e competitividade dos polígonos industriais, facilitando que as empresas dispoñan dos servizos e infraestruturas necesarias para desenvolver a súa actividade”. Engadiu que “trátase de ofrecer un mellor servizo para favorecer a fixación e implantación de compañías e promover o emprego local”.

A liña de axudas está aberta a municipios galegos que desexen realizar melloras en aspectos como a implantación de iluminación pública eficiente, plantas de depuración de auga, xestión de residuos, infraestruturas viarias, así como servizos centralizados de subministración de gas e hidróxeno verde.

O delegado explicou que “as axudas teñen unha intensidade do 80% do importe total subvencionable, cun máximo de 120.000 euros para solicitudes individuais e 138.000 euros para solicitudes conxuntas, contemplando anticipos de ata o 25% da axuda concedida”. Ademais, detallou que o procedemento de concesión será por concorrencia competitiva, valorando criterios como a superficie do parque, o seu nivel de ocupación ou a poboación do municipio.

Para rematar, Manuel Pardo subliñou “a importancia de manter unha liña de colaboración e comunicación con todos os concellos para poder levar a cabo obras como esta que benefician o tecido empresarial galego”.

⚙ Configurar cookies
0.17699813842773