O PP esixe explicacións ao Goberno polos constantes fallos na liña ferroviaria Lugo-Ourense

Os deputados do Partido Popular por Lugo, Jaime De Olano, Francisco Conde e Cristina Abades, veñen de reclamar ao Goberno central explicacións polas reiteradas incidencias que afectan a liña ferroviaria entre Lugo e Ourense.
A través dunha batería de preguntas rexistradas no Congreso, os parlamentarios denuncian “o agravio á nosa provincia en materia de comunicacións” e urxen medidas que corrixan esta situación.
Para os representantes populares, as deficiencias que sofre esta conexión ferroviaria “non son admisibles” e “dificultan a mobilidade dos lucenses, ao tempo que lastran o desenvolvemento e a competitividade da provincia”. Subliñan que os atrasos, as cancelacións de servizos ou a substitución de trens por autobuses ou taxis son “circunstancias habituais” tanto para os veciños como para os visitantes que chegan a Lugo.
A situación vólvese especialmente crítica en localidades de interese turístico como Sarria, onde no verán aumenta a afluencia de peregrinos que comezan alí o Camiño de Santiago. Un dos últimos incidentes tivo lugar o pasado domingo, cando se suprimiu sen previo aviso o servizo ferroviario entre Lugo e Ourense, afectando directamente á estación sarriá. “Estaba prevista parada en Sarria, pero o tren non realizou o traxecto, deixando os usuarios abandonados e, o que é peor, sen ningún tipo de información nin por parte de Renfe nin de Adif”, denuncian os deputados.
Ante esta situación, o PP reclama ao Executivo de Pedro Sánchez que aclare os motivos que levaron á cancelación do servizo do pasado domingo, se se ofreceron medios alternativos de transporte, cantas persoas os utilizaron e por que non se facilitou información nin desculpas aos afectados. “O normal debera ser que o servizo se prestase con normalidade, pero por desgraza, o extraordinario é que funcione sen sobresaltos”, sentencian.