O PP de Lugo presentará unha iniciativa no Senado para solicitar a rehabilitación integral da N-120

O PP de Lugo levará unha iniciativa ao Senado para instar ao Goberno central a acometer a rehabilitación integral do pavimento da N-120, así como a mellora da sinalización viaria e do seu trazado.
Así o anunciaron os senadores pola provincia, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, nunha visita á estrada ao seu paso polo municipio de Pantón, onde estiveron acompañados polo alcalde, José Luis Álvarez Blanco, rexedores, concelleiros e portavoces dos municipios polos que transcorre esta vía de titularidade estatal.
Os populares inciden na importancia de “garantir as condicións de seguridade en todo o percorrido da infraestrutura” que rexistra un importante volume de tráfico cunha intensidade media diaria de entre os 3.148 vehículos/diarios no seu tramo inicial, ata os 5.199 na súa parte final. Lembran que esta é a principal vía de conexión entre o sur da provincia de Lugo, máis concretamente das comarcas de Quiroga e Terra de Lemos, con Ourense, e que as queixas polo mal estado do seu pavimento multiplicáronse nos últimos anos. Un feito que, segundo os populares, débese ao deterioro de moitos dos seus tramos, que presentan buratos, gretas ou blandóns e que xeran riscos de seguridade viaria. Unha realidade que din, é “indiscutible” e que “ata a data, ningunha intervención foi capaz de arranxar”.
Ante esta situación, o PP esixe ao Goberno de Sánchez “actuar con urxencia” nos tramos lucenses da estrada N-120, e “cumprir o compromiso de desenvolver o terceiro carril entre Guítara e Ourense, así como estudar o desdobramento da vía alí onde sexa tecnicamente viable”.
Segundo os senadores, xa en xaneiro do 2023 preguntouse formalmente pola situación do arranxo pero, segundo Barreiro, “o Goberno de España non aclarou nada”. Por iso, di, “presentamos esta iniciativa para que leve a cabo algo ao que xa se comprometera”, e que sairá adiante tendo en conta a maioría absoluta do PP no Senado.
Pola súa banda, o alcalde de Pantón manifestou a súa preocupación polo tramo da N-120 que pasa polo termo municipal no que di, “fai tempo que non se fai mantemento”. Pide, ademais, que se leve a cabo unha zona en sentido baixada para poder adiantar; xa que “dende a área de descanso do mirador de Pesqueiras hai liña continua ata Ourense” de forma que “os traballadores de Pantón, Sober ou O Saviñao que empregan esta estrada para ir traballar a Ourense que antes podían chegar á entrada de Ourense en 20 minutos, agora podemos estar falando de tres cuartos de hora”.