O PP de Maceda renova a súa xestora con José Manuel Gil á fronte

OurenseXa
O concelleiro relevará a Rubén Quintas despois de 12 anos como presidente da agrupación popular
pp-maceda
6 Sep 2025

O concelleiro popular José Manuel Gil Carballo será o novo responsable da agrupación local do Partido Popular en Maceda, en substitución de Rubén Quintas. Gil presidirá a xestora cuxa constitución será aprobada na próxima Xunta Directiva provincial. A decisión foi presentada nunha reunión celebrada no salón de plenos, coa asistencia do presidente provincial, Luis Menor, a secretaria xeral, Sandra Quintas, e numerosos afiliados e simpatizantes.

Menor enmarcou este relevo dentro da estratexia provincial do partido co obxectivo de “activar e preparar o partido ante calquera convocatoria electoral”. O presidente lembrou que a dirección aspira a aumentar o número de alcaldías gobernadas na provincia —actualmente 54— e a recuperar a maioría absoluta na Deputación. Neste sentido, afirmou que os resultados das próximas eleccións locais “teñen que servir tamén para recuperar con amplo apoio o goberno do Concello de Maceda”.

O presidente provincial aproveitou tamén a ocasión para expresar o apoio da formación á veciñanza afectada polos incendios do pasado agosto, destacando a resposta das institucións gobernadas polo PP como mostra “da capacidade de xestión dos gobernos do PP”.

Pola súa parte, Gil Carballo, concelleiro desde hai unha década e actual segundo portavoz do grupo municipal, agradeceu a confianza depositada na súa persoa “para este importante reto ao que dedicarei todo o meu interese e esforzo”. Subliñou ademais a resposta positiva dos militantes e simpatizantes, asegurando sentirse arroupado neste novo cometido.

Durante o acto tamén houbo palabras de recoñecemento para Rubén Quintas polo traballo desenvolvido á fronte da agrupación e no propio concello. O propio Quintas, que foi presidente local durante 12 anos. “Remato aquí unha etapa de 12 anos como presidente da agrupación local, pero seguirei contribuíndo a darlle a fortaleza que necesita a nosa formación e recuperar a alcaldía fronte á desidia que hoxe sufrimos”, dixo o ata agora líder popular neste concello.

Con esta designación, a de Maceda convértese na oitava xestora posta en marcha pola dirección provincial, tras as de Barbadás, Xinzo de Limia, O Carballiño, Allariz, Ourense, Taboadela e Amoeiro.

⚙ Configurar cookies
0.16225004196167