O PP de Ourense aproba catro novas xestoras en Ourense, Xinzo, O Carballiño e Allariz

O Comité Executivo do Partido Popular de Ourense aprobou hoxe a convocatoria de dez congresos locais e catro xestoras na provincia, no marco dun proceso de reorganización que ten por obxectivo “imprimir máis velocidade no facer político”, afirmou o presidente provincial Luis Menor.
Acompañado pola vicepresidenta, Marta Novoa, e a secretaria xeral, Sandra Quintas, o líder dos populares ourensáns lembrou que un dos compromisos que asumiu no congreso provincial de 2024 foi “consolidar e normalizar a estrutura orgánica do partido”, dando voz á militancia para que en cada agrupación local teñan “persoas e equipos de referencia”, tanto para expoñer inquedanzas como para colaborar no partido.
As agrupacións locais e as xestoras, dixo, “deben axudarnos a unir, ampliar e fortalecer o Partido Popular”, unha formación na que confía maioritariamente a veciñanza ourensá “como ferramenta para facer mellor a nosa contorna e ofrecer mellor calidade de vida á cidadanía”.
Luis Menor advertiu que “non pode haber tregua na reorganización do partido”, pedindo un novo esforzo para aumentar a actividade do PP ourensán, xa de por si cun balance positivo desde principios de ano, recoñeceu, con máis de 80 actividades entre reunións de vicesecretarías, comités ou áreas de traballo, actos, encontros para abordar temas de actualidade, reunións da presidencia e o contacto coa mocidade nas comarcas a través de Novas Xeracións.
Xestoras en Ourense, Xinzo de Limia e Allariz
O Comité Executivo aprobou a constitución de catro xestoras, unha delas a da agrupación local de Ourense Cidade, en tanto será Ana Méndez, actual portavoz e número dous da lista popular, a que asume a presidencia nun proceso de simplificación da organización desta xunta.
Outra das xestoras corresponde a Xinzo de Limia, onde a militancia acordou trasladar ao comité a proposta como presidenta da concelleira e parlamentaria autonómica Cristina Campero.
O Carballiño tamén inicia unha nova etapa coa posta en marcha dunha xestora a cuxa fronte estará Jaime Pérez Álvarez, membro da agrupación local desde hai 15 anos.
Por último, o Comité Executivo acordou tamén a posta en marcha dunha xestora na agrupación de Allariz, que terá como presidente a José Benito Grande, concelleiro do grupo municipal popular.
Congresos locais
Logo dos congresos locais xa celebrados no Barco de Valdeorras, Toén, Maside, A Bola e Cenlle, na reunión desta tarde aprobouse a convocatoria de dez novos conclaves: Os Blancos (22 de maio); Bande (23 de maio); Vilariño de Conso e San Xoán de Río (24 de maio); Monterrei (29 de maio); Sarreaus (30 de maio); San Amaro e Piñor (31); A Rúa (5 de xuño); e Baños de Molgas (7 de xuño).