O PP de Ourense conmemora o Día Mundial da Auga co foco posto no termalismo

O Partido Popular de Ourense conmemorou o Día Mundial da Auga cunha conferencia centrada no papel do termalismo na saúde, a lonxevidade e o benestar. O encontro, organizado pola Vicesecretaría de Termalismo do PP provincial, celebrouse no salón de actos da CEO e serviu para afondar na importancia das augas mineromedicinais como recurso estratéxico para a provincia.
A xornada foi inaugurada polo presidente provincial do PP, Luis Menor, quen puxo o foco no compromiso da súa formación co desenvolvemento do sector termal. “O PP demostra nas administracións nas que goberna que o termalismo é unha realidade e que é un piar fundamental para o presente e o futuro de Ourense”, afirmou.
Durante a súa intervención, Menor tamén destacou o papel clave dos concellos neste ámbito, aínda que aproveitou para criticar a situación na capital provincial. “Precisamente na cidade de Ourense, que é a capital termal, exista un goberno local que non aposta polo termalismo, que busca calquera escusa para non actuar e que mesmo chega a menosvaloralo”, lamentou.
O acto contou coa participación de expertos que analizaron as posibilidades do termalismo desde diferentes perspectivas. Entre eles, Pablo García Vivanco incidiu na súa relevancia para mellorar a calidade de vida, facendo fincapé na conexión entre as augas termais, a nutrición e o envellecemento saudable, así como no seu potencial como ferramenta de prevención e promoción da saúde.
Pola súa banda, a vicesecretaria de Termalismo do PP ourensán, Belén Gómez Quevedo, abordou o valor das augas mineromedicinais e termais, destacando a súa contribución ao benestar e á lonxevidade, especialmente nun territorio cunha fonda tradición neste eido.
“Iniciativas como esta permítennos seguir poñendo en valor o coñecemento científico arredor das augas mineromedicinais e destacar a importancia do termalismo como un recurso estratéxico para a saúde, a calidade de vida e o futuro da nosa provincia”, sinalou Gómez Quevedo ao peche da xornada.