O PP de Ourense consolida a súa presenza na dirección nacional coa entrada de Rodríguez Miranda e Ana Vázquez

O Partido Popular de Ourense incrementa a súa representación na estrutura nacional tralos nomeamentos de Antonio Rodríguez Miranda como coordinador do PP no Exterior e de Ana Vázquez Blanco como secretaria de Interior, aprobados na primeira reunión ordinaria do novo Comité Executivo do partido celebrada este luns en Madrid.
O presidente provincial, Luis Menor, presente na cita, valorou positivamente estas incorporacións e asegurou que o PP de Ourense “sae claramente reforzado deste comité”, subliñando que “o partido gaña máis peso na estrutura nacional do PP”.
Menor tamén lembrou a súa propia elección como membro do Comité Executivo no último congreso nacional e destacou a presenza da vicepresidenta do PP ourensán, Marta Novoa, na Xunta Directiva como alcaldesa de San Cibrao das Viñas, en representación de pequenos concellos de España.
O presidente provincial cualificou a presenza ourensá na dirección nacional como “todo un orgullo por formar parte dun equipo que representa a milleiros de cidadáns e a un partido que é a esperanza de España”.
Durante a reunión, o presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, instou os dirixentes populares a estaren preparados para unha eventual convocatoria electoral, unha liña de traballo que Menor asegurou compartir: “o mesmo obxectivo co que traballamos no PP de Ourense poñendo a punto o partido en toda a provincia coa celebración de dezasete congresos locais, a próxima convocatoria doutros cinco e a aprobación ata agora de sete xestoras, ademais das que se acorden nesta segunda metade do ano”.