O PP de Ourense denuncia o “desmantelamento” dos servizos da Garda Civil na provincia

OurenseXa
Advirten de que só catro cuarteis manteñen servizo nocturno en toda a provincia
concentracion-pp-garda-civil-bande
30 Jul 2025

O Partido Popular de Ourense denuncia o “desmantelamento dos servizos que presta a Garda Civil nas zonas rurais da provincia” e esixe ao Goberno central que actúe para reverter esta situación. "Coa seguridade do rural non se xoga e o rural non se cala", manifestou a secretaria xeral do PP de Ourense, Sandra Quintas, durante unha concentración celebrada este martes fronte ao cuartel de Bande.

No acto participaron membros da dirección provincial do PP, alcaldes, voceiros municipais, parlamentarios autonómicos, deputados e senadores do partido. Desde o PP aseguran que a situación actual tradúcese en falta de axentes, desaparición de unidades e unha importante redución dos horarios de atención presencial, o que consideran un agravio para as zonas rurais.

Sandra Quintas sinalou que esta política do Goberno central “despreza aos habitantes dos pequenos concellos e convértenos en cidadáns de segunda; non imos permitir un agravio máis”. Como exemplo, mencionou o propio cuartel de Bande, que actualmente só abre os mércores e domingos de 9:00 a 14:00 horas, cando antes o facía tres días á semana.

Segundo os datos achegados polo PP, na provincia de Ourense, caracterizada pola súa dispersión poboacional, só catro cuarteis —O Carballiño, Xinzo de Limia, O Barco de Valdeorras e Verín— manteñen servizo nocturno. O resto, preto de 40 postos, só abren dous ou tres días á semana e durante cinco horas pola mañá.

O PP ourensán tamén criticou o estado de conservación dos cuarteis e a escasa execución das inversións previstas. Denuncian que en 2022 non se executou ningunha obra financiada con fondos europeos, a pesar de contar cun orzamento de máis dun millón de euros, e que en 2023 só se empregaron arredor de 111.000 euros dunha partida de máis de 2,6 millóns.

Pola súa parte, a voceira do grupo provincial do PP, Patricia Torres, defendeu que estas accións non responden a fins partidistas, senón ás inquedanzas que lles trasladan os propios veciños e axentes. “Coas nosas iniciativas recollemos a preocupación que nos transmite a veciñanza, e mesmo os propios axentes da Garda Civil”, sinalou.

Torres lamentou ademais que haxa persoas dentro do propio corpo que consideren “bo para os cidadáns o peche dos cuarteis”, unhas declaracións que cualificou de “profundamente desafortunadas” e que, segundo insistiu, obedecen “á falta de efectivos, ao redor dun cento en toda a provincia”.

Tamén criticou que, ante unha emerxencia, a única opción dispoñible en moitas zonas sexa o uso do teléfono ou dunha aplicación móbil como AlertCorps, algo que definiu como “un insulto á poboación”.

O PP concluíu que continuará coas mobilizacións e actuacións institucionais ata que se deteña o que consideran un proceso de abandono do medio rural en materia de seguridade.

⚙ Configurar cookies
0.17070293426514