O PP de Ourense impulsa a actualización e renovación das súas agrupacións locais en toda a provincia

OurenseXa
No marco desta estratexia, aprobouse crear dúas novas xestoras nos concellos de Taboadela e Amoeiro
pp-prov-ou
23 Jul 2025

O presidente do Partido Popular de Ourense, Luis Menor, avanzou un “intenso segundo semestre” centrado en acelerar o proceso de actualización e renovación das agrupacións locais do partido en toda a provincia. Así o afirmou durante a reunión da Xunta Directiva Provincial, onde destacou que o obxectivo marcado é que “preto da metade das 92 agrupacións locais da provincia” estean xa renovadas ou en proceso de renovación antes de final de ano.

No marco desta estratexia, aprobouse a creación de dúas novas xestoras nos concellos de Taboadela e Amoeiro. Con estas incorporacións, serán sete as xestoras activas na provincia, sumándose ás xa existentes en Allariz, Barbadás, Carballiño, Ourense e Xinzo de Limia. Estes órganos permiten garantir a continuidade da actividade política nas agrupacións locais ata a celebración dos respectivos congresos.

Luis Menor fixo balance do traballo desenvolvido desde principios de ano e puxo en valor os avances logrados durante os seus primeiros doce meses á fronte da dirección provincial. Subliñou que “se trata de permanecer activos ante calquera convocatoria electoral”, insistindo na consolidación do partido como prioridade.

Desde febreiro xa se celebraron 17 congresos locais, o último deles en Cualedro, e Menor anunciou que no mes de setembro convocaranse outros cinco máis. “Apoiar con todas as nosas forzas ás agrupacións locais” é, segundo o presidente provincial, clave para que o PP estea en condicións de cumprir os obxectivos que se marca tanto a nivel provincial como galego e estatal.

“A nosa meta é gobernar máis concellos na provincia, ser decisivos no Concello de Ourense e recuperar a maioría absoluta na Deputación”, apuntou Menor, quen tamén fixo referencia ás futuras eleccións galegas e xerais, co obxectivo de “manter a nosa representación no Parlamento de Galicia, contribuír a unha nova maioría de Alfonso Rueda e conseguir a vitoria para un goberno popular no Estado con Alberto Núñez Feijóo”.

Con esta folla de ruta, o PP de Ourense reforza a súa organización interna e prepárase para os retos electorais futuros cunha aposta decidida pola renovación e a cohesión territorial.

⚙ Configurar cookies
0.11731696128845