O PP de Ourense rendeu homenaxe a Miguel Ángel Blanco cun acto na Merca

O PPdeG conmemorou este sábado o 28º aniversario do asasinato de Miguel Ángel Blanco a mans da banda terrorista ETA recordando a súa loita “por manter unha España máis democrática, unida, plural e libre” e facendo un chamamento á sociedade para que non se esquezan “xamais” nin o seu legado nin o seu “exemplo moral e de coraxe democrático”.
Así o puxo de manifestoa secretaria xeral do partido, Paula Prado, na homenaxe que os populares galegos fixeron ao político vasco “con profundas raíces galegas” no cemiterio de Faramontaos (A Merca), onde repousan os seus restos. Un acto no que tamén participaron o presidente provincial do PP de Ourense, Luis Menor, o alcalde Manuel Garrido, o exalcalde Manuel Velo e Miguel Ángel López, primo político do homenaxeado, entre outros.
Durante o acto, amosou o seu rexeitamento “todos e cada un dos acordos políticos con partidos que manteñen a indignidade, non condenan os asasinatos da banda terrorista e pretenden lexitimar a súa existencia”.
Pola súa banda, o líder do PP de Ourense, Luis Menor, comprometeuse como presidente provincial a “dignificar” o espazo onde se atopa Miguel Ángel Blanco e que “ninguén se esqueza desta traxedia”, citando A Merca como "o símbolo máis representativo da democracia e de todas as liberdades" desde hai 28 anos.