O PP de Ourense salienta o Plan Rexurbe como ferramenta clave para recuperar o casco vello de Ourense

OurenseXa
“Ourense está diante dunha oportunidade histórica para transformar e recuperar a cidade. A Xunta actúa onde o Concello leva anos de abandono”, destacou a portavoz do Grupo Municipal
ourense_centro
22 May 2025

O Centro Cultural Marcos Valcárcel acolleu na tarde deste mércores unha xornada organizada polo Partido Popular de Ourense co obxectivo de afondar nun problema social de máxima relevancia: a vivenda. “É o máis básico dos dereitos que dignifican ao ser humano”, subliñou o presidente provincial, Luis Menor, quen fixo fincapé na responsabilidade dos partidos políticos de ofrecer solucións reais aos problemas reais da cidadanía. “A cuestión da vivenda é hoxe un clamor social”, destacou.

Menor incidiu en que, tras os partidos, son as administracións as que deben planificar con rigor o uso dos seus recursos para atopar solucións urxentes. Como exemplo, puxo os proxectos en materia de vivenda que está a desenvolver a Xunta de Galicia, tanto na cidade como na provincia, así como as diversas liñas de axuda impulsadas polo Goberno galego.

Ademais, salientou o compromiso da Deputación de Ourense, que este luns aprobou unha partida de 100.000 euros en axudas destinadas á adaptación de vivendas para persoas maiores de 65 anos nos municipios da provincia con menos de 20.000 habitantes. Esta iniciativa busca facilitar que as persoas maiores poidan prolongar o seu ciclo vital de forma autónoma nos seus propios fogares, co consecuente beneficio físico e emocional.

Menor defendeu tamén a necesidade dunha cooperación efectiva entre administracións, como responsabilidade compartida, e apostou pola colaboración co sector privado, ofrecendo a seguridade xurídica necesaria para impulsar a promoción de novas vivendas.

Pola súa parte, a portavoz do Grupo Municipal Popular, Ana Méndez, destacou o potencial do Plan Rexurbe como ferramenta esencial para a recuperación urbana do casco vello de Ourense. “Ourense está diante dunha oportunidade histórica para transformar e recuperar a cidade. A Xunta actúa onde o Concello leva anos de abandono”, afirmou. Engadiu que “a declaración da Área Rexurbe é útil, eficaz e realista para frear o deterioro e recuperar a dignidade do noso patrimonio”.

⚙ Configurar cookies
0.084965944290161