O PP de Ourense solicita deducións fiscais en concellos pouco poboados

O grupo provincial do Partido Popular presentará ao pleno do próximo xoves, día 24, unha moción na que reclama ao Goberno de España deducións fiscais de ata o 20% para as persoas con residencia habitual en concellos ourensáns de menos de 5.000 habitantes.
A iniciativa popular destaca que a provincia de Ourense, como boa parte do interior de Galicia, sofre graves problemas demográficos como despoboamento, envellecemento e dispersión de poboación, circunstancias que teñen un impacto directo sobre a calidade de vida da cidadanía, “especialmente nos concellos de menor tamaño que constitúen o 80 % dos municipios da provincia de Ourense”, sinala a portavoz do PP, Patricia Torres.
Esta situación, engade, implica unha ameza “á cohesión territorial, á economía local e á sustentabilidade dos servizos públicos básicos”, o que ao mesmo tempo supón unha clara desvantaxe competitiva fronte aos núcleos urbanos máis grandes e á propia capital da provincia.
Advirte Patricia Torres que outras provincias do Estado con características demográficas semellantes, como Soria, Teruel ou Cuenca,” xa foron recoñecidas polo Goberno de España como zonas escasamente poboadas, polo que as persoas residentes nestes territorios poden beneficiarse desde 2022 dunha dedución de ata o 20% no IRPF”, segundo establecen os Orzamentos Xerais do Estado e na normativa vixente.
Unha medida que desde o PP considérase unha ferramenta fiscal útil e eficaz para fixar poboación e compensar os custos adicionais que implican vivir no rural, como transporte, enerxía ou a menor dispoñibilidade de servizos.
A provincia de Ourense, engade a portavoz popular, cumpre sobradamente cos criterios obxectivos establecidos pola Comisión Europea e polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, para ser considerada “zona escasamente poboada”. Porén, o grupo provincial do PP reclama tamén a inclusión da provincia nesta clasificación, solicitando ademais que estas deducións esténdanse a todos os concellos galegos que cumpran cos criterios de dispersión e despoboamento, “garantindo a igualdade de trato territorial”.