O PP de Taboadela denuncia a perda dunha subvención de 48.333 euros para a compra dun tractor

O Grupo Municipal do Partido Popular de Taboadela, tras confirmarse na Comisión Especial de Contas a perda definitiva dunha subvención por importe de 48.333,33 euros destinados a un tractor, denuncia o “prexuízo económico causado ás arcas municipais”.
A portavoz do PP de Taboadela, Noelia Quintana, explica a situación foi detectada durante a revisión da Conta Xeral do exercicio 2025, cando observaron o reintegro dunha subvención por un importe superior aos 48.000 euros. Esta contía, detallou a portavoz popular, corresponde á parte que a Consellería do Medio Rural debía sufragar, segundo o convenio asinado coa Deputación e o propio Concello, para a adquisición dun tractor no ano 2023, destinado a traballos de prevención e loita contra os lumes forestais.
Para a voceira popular “a explicación do alcalde revelou unha cadea de erros administrativos sorprendentes”, como que “non se realizou a acta de recepción do ben en tempo e forma”, e que o secretario-interventor chegou a asinar un documento de acta de “non recepción”. Segundo os populares, ao certificar oficialmente que o ben "non fora recibido", a Xunta de Galicia “deu por non xustificada a axuda, entendendo que o tractor non existía e procedendo a denegar o pago”.
Quintana critica o Goberno local tentase emendar este erro acudindo á vía xudicial, referíndose a que o Concello tería presentado un recurso Contencioso-Administrativo contra a Xunta para defender que o tractor si estaba no municipio e que existía factura.
Para a voceira, a situación débese “á falta de control administrativo” e cuestiona que se asinase o documento “dicindo que non se recibiu un tractor que está aparcado no concello”. “Perder unha axuda desta contía por un erro na tramitación dunha acta é un luxo que o noso concello non se pode permitir”, conclúe Quintana.