O PP de Taboadela solicita información oficial sobre o apagón eléctrico e as súas consecuencias no municipio

OurenseXa
Solicitan por escrito un relato detallado dos feitos ocorridos o luns 28 e o martes 29 de abril, e información sobre a existencia ou non de demandas ou procesos xudiciais abertos
pp-taboadela
PP de Taboadela
3 Jun 2025

A voceira do Partido Popular de Taboadela, Noelia Quintana Espinoso, presentou unha solicitude formal ao goberno local co fin de obter información detallada sobre o desenvolvemento dos días 28 e 29 de abril, cando se produciu un apagón eléctrico que afectou a España e outros países europeos. No caso concreto de Taboadela, a subministración foi restablecida arredor das 7:00 ou 8:00 da mañá do día 29.

Ese mesmo día, deuse a coñecer a tráxica noticia do falecemento de tres veciños do municipio. Segundo explica o grupo popular, a información proporcionada polo equipo de goberno durante e despois da crise foi “escasa e variada”, tanto nas redes sociais como nos medios de comunicación desprazados ao lugar.

Durante o pleno ordinario do 26 de maio, o primeiro celebrado tras os feitos, o Partido Popular pediu explicacións sobre o acontecido, “buscando tratar o tema coa máxima sensibilidade”. A raíz das respostas ofrecidas pola Alcaldía e outros membros da corporación, explican os populares, o grupo solicita agora por escrito un relato detallado dos feitos ocorridos o luns 28 e o martes 29 de abril, e información sobre a existencia ou non de demandas ou procesos xudiciais abertos contra o Concello ou membros do grupo de goberno en relación cos feitos mencionados.

O PP de Taboadela sinala que realiza esta solicitude no exercicio da súa responsabilidade como representantes dos veciños, co obxectivo de esclarecer os feitos e garantir a transparencia na xestión municipal.

⚙ Configurar cookies
0.18256187438965