O PP denuncia "a marxinación" da autovía A-76 Ourense-Ponferrada
Representantes do Partido Popular de Ourense e Ponferrada mantiveron unha reunión de traballo no Congreso dos Deputados para analizar a situación da A-76.
Dende o PP sinalan que a “Autovía Ourense-Ponferrada A-76 é unha actuación de gran transcendencia para a vertebración da Galicia interior, constituíndo un terceiro acceso de gran capacidade desde Galicia facía Castela e León (ademais da A-6 e a A-52) e que foi incorporada ao PEIT”.
Lembraron que o seu inicio administrativo tivo lugar cando o Ministerio de Fomento adxudicou o 22 de decembro de 2005 a redacción do estudo informativo. E que cando en decembro de 2011, chegou o Partido Popular ao Goberno de España o estudo Informativo levaba en redacción máis de 6 anos e o expediente atopábase pendente de Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desde facía máis de 3 anos
O Goberno Popular activou as tramitacións e así por resolución do secretario de Estado de Medio do 24 de xullo de 2013 emitiuse a declaración de impacto ambiental da autovía A-76 e aprobouse o expediente de información pública e definitiva do estudo informativo desta autovía en decembro de 2013. A finais de 2014 comezaron a redacción dos proxectos de Villamartín da Abadía – Requejo (7,6 km) e A Veiga de Cascallá – O Barco de Valdeorras (Este) (8,4 km). E en xaneiro de 2016 licitouse a redacción do proxecto de trazado e construción do tramo entre Requejo e A Veiga de Cascallá.
En decembro de 2017 o ministro de Fomento, Íñigo da Serna afirmaba “que, no tramo A Veiga de Cascallá– O Barco de Valdeorras (Este) que ten o proxecto de trazado aprobado provisionalmente en xullo de 2017 e sometido a información pública, conclúa dunha vez o estudo das alegacións e apróbese definitivamente o proxecto para que se poida proceder a licitar as obras”. O 19 de marzo de 2018 publicouse no BOE a Resolución pola que se aprobaba provisionalmente o proxecto de trazado e sometía a información pública do tramo Villamartín da Abadía – Requejo.
En xuño de 2018 terminou a etapa de Goberno de Mariano Rajoy ao prosperar a moción de censura, “pero queda acreditado que houbo unha intensa actividade administrativa de impulso da A-76”, sinalan.
Desde xuño de 2018 en España goberna Pedro Sánchez, de modo que ata a actualidade completaron máis de seis anos á fronte do executivo.
Sen embargo, consideran que desde a chegada de Pedro Sánchez á presidencia, o goberno socialista non licitou as obras de ningún dos dous tramos xa avanzados en tramitación en 2018 que eran o Villamartín da Abadia-Requejo e o da Veiga de Cascallá-O Barco. “Todo foron dilacións e modificacións, así como compromisos formais incumpridos”, sinalan.
Ante esta situación os deputados do PP, “facéndose eco das continuas queixas de cidadáns, responsables políticos, colectivos sociais e sectores empresariais e sindicais de Valdeorras e o Bierzo e por extensión a Ourense e León”, instan ao Goberno a dar unha explicación sobre a paralización deste proxecto.