O PP esixe unha data concreta para licitar os carrís de adiantamento na N-120 entre Os Peares e Ourense

OurenseXa
O PP subliña que a execución destes carrís é “esencial” para as persoas usuarias desta vía
N-120
8 Nov 2025

O Partido Popular de Ourense reclama ao Goberno central que fixe unha data definitiva para a licitación das obras dos 4,22 quilómetros de carrís de adiantamento previstos na N-120 entre Os Peares e Ourense.

Os deputados populares Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana rexistraron esta semana no Congreso dos Deputados varias preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible (Mitma) co fin de coñecer o estado do proxecto e os prazos previstos para a súa execución.

Na súa iniciativa, os representantes ourensáns lembran que o Goberno se comprometera a licitar as obras en 2023, un compromiso que, segundo os populares, “incumpriuse de maneira flagrante”. Por iso instan ao Ministerio a “poñer fin ás dilacións e aos enganos á cidadanía” e a actuar “con dilixencia para licitar as obras xa”.

O PP destaca que a execución destes carrís é “fundamental” para as persoas usuarias da N-120, xa que o tramo comprendido entre Os Peares e a capital ourensá non permite adiantamentos, o que incrementa os tempos de viaxe entre 10 e 15 minutos.

Os deputados populares sinalan que o Mitma tardou máis de cinco anos en aprobar provisionalmente o proxecto de trazado, en xaneiro de 2023, e que a aprobación definitiva se produciu en abril de 2024, quince meses despois. Segundo o grupo parlamentario, “dezaoito meses despois dese paso, o proxecto construtivo debería estar finalizado e o Ministerio en condicións de licitar as obras”.

Na súa exposición, o PP de Ourense lembra ademais que en marzo de 2023 o secretario xeral de Infraestruturas, Xavier Flores, anunciara publicamente que “o obxectivo era poder licitar as obras ese mesmo ano”, e que en xaneiro de 2024 o daquela subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, asegurara que o proxecto estaba listo para a súa execución “unha vez completados os trámites administrativos”.

Os populares ourensáns consideran que, tras máis dun ano e medio desde a aprobación definitiva do trazado, o Goberno debería ofrecer unha data certa de licitación e cumprir cos compromisos adquiridos coas persoas usuarias desta vía.

⚙ Configurar cookies
0.072877883911133