O PP insta a Jácome á elaboración dun proxecto termal no espazo ocupado polo centro de interpretación de parques naturais
O Grupo Municipal do Partido Popular levará ao vindeiro pleno do mes de agosto unha moción para instar ao alcalde á elaboración dun proxecto termal para o espazo ocupado polo centro de interpretación de parques naturais.
“Dado que a Xunta, a través da Consellería de Facenda e Administración Pública, acaba de asinar esta mañá a reversión dos terreos ao Concello de Ourense, tal e como reclamaba a administración local é momento de que pense nun proxecto alternativo”, esixe a concelleira Ana Méndez.
A proposta que fan os populares é a reutilización dese espazo para a creación dunha nova zona termal. “Esta iniciativa daría valor engadido ao termalismo, e fomentaría o seu desenvolvemento e dinamización, contribuíndo ademais ao desenvolvemento social e económico da cidade, tendo en conta que as termas son un dos principais atractivos turísticos de Ourense”, conclúe a edil.
A construción do centro de interpretación de parques naturais foi un proxecto que naceu no 2007 a través dun convenio asinado entre o Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino, o goberno bipartito da Xunta de Galicia e o Concello de Ourense. “Tivo unha inversión de 8,5 millóns de euros, dos que 7 millóns foron asumidos polo Ministerio para a construción e millón e medio pola Xunta para poñer en marcha o espazo museístico, mentres que o concello cedía os preto de 8000 m² de terreo”, explica a popular.
Un cambio no Plan Hidrolóxico da cunca Miño-Sil no ano 2012, co edificio parcialmente executado, estableceu eses terreos como zona de fluxo preferente facendo inviable continuar coa construción tras investir case 3 millóns de euros dos 8 previstos, e quedando o esqueleto abandonado ata o día de hoxe.
”Dende entón os ourensáns e todos cantos visitan a nosa cidade vemos unha mole de formigón chea de pintadas, lixo e maleza nunha das estradas principais de acceso á cidade, un feismo que se atopa a carón dun dos espazos máis emblemáticos da cidade, a zona termal”, lamenta Ana Méndez.