O PP ourensán denuncia o “lento avance” das obras da nova estación intermodal de Ourense

Os deputados ourensáns do Partido Popular no Congreso, Celso Delgado, Ana Vázquez e Rosa Quintana, expresaron a súa preocupación polo ritmo de execución das obras da nova estación intermodal de Ourense. Fíxoo tras recibir a resposta do Goberno a unha pregunta parlamentaria rexistrada o pasado 1 de abril.
Os populares solicitaban información detallada sobre as actuacións realizadas pola UTE adxudicataria ao longo do ano 2024 e durante o primeiro trimestre de 2025, así como o importe económico certificado nese período. A resposta do Goberno chegou o 13 de maio e, segundo sinala, “a obra foi iniciada o 17/05/2024” e “ata a data a certificación ascende a 1,395 millóns de euros (IVE incluído)”.
Segundo explican, o contrato de obras da estación e pasarela, licitado inicialmente por 119,22 millóns de euros (IVE incluído) o 22 de maio de 2023, foi suspendido en setembro dese ano para revisar os prezos dalgúns elementos prefabricados. Finalmente, foi adxudicado o 30 de xaneiro de 2024 por 111,75 millóns de euros e formalizado o 29 de febreiro.
Desde o grupo popular lamentan que “o Goberno non dá resposta algunha ás preguntas sobre a relación detallada das obras realizadas”, limitándose a indicar que “o proxecto se atopa en execución”. Nese sentido, consideran que existe unha “falta de transparencia” por parte do Executivo.
Ademais, sinalan que, un ano despois da data oficial de inicio das obras, “só se certificaron actuacións por un 1,25 % do importe total do contrato”, unha cifra que cualifican de “moi pobre” e que, segundo indican, “confirma que as obras avanzan, pero moi lentamente”.
Os deputados lembran que “o proxecto foi adxudicado con catro anos de atraso respecto ao previsto inicialmente polo Goberno, que anunciara a súa licitación para xullo de 2019”. Tamén expresan a súa preocupación polo prazo de execución previsto, de 73 meses —seis anos e un mes—, o que levaría a finalización das obras a xuño de 2030 “no mellor dos casos”.
A actuación contempla, entre outras intervencións, a ampliación e cobertura parcial das vías, a remodelación do edificio de viaxeiros coa creación dunha nova sala de embarque e un paso elevado cuberto, accesible con ascensores e escaleiras, así como a reorganización das plataformas e a creación dun novo espazo urbano sobre a laxa de formigón que cubrirá parte da praia de vías. O proxecto inclúe tamén unha pasarela peonil cuberta entre os barrios da Ponte e o Vinteún, un cambiador de ancho de vía e pantallas acústicas.
“É inxustificable que teñamos que esperar nove anos para ver rematadas estas tan necesarias obras”, sinalan os deputados do PP, que afirman que “seguiremos realizando o obrigado control parlamentario” para velar pola súa execución.