O PP pide a Adif que instale unha “marquesiña provisional” na praza da estación de tren de Ourense

OurenseXa
Denuncian que as instalacións seguen sen contar con protección no exterior e piden unha solución temporal ata que se completen as obras
Estación de tren de Ourense
Estación de tren de Ourense
18 Apr 2025

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), entidade dependente do Ministerio de Transportes do Goberno de España, renunciaba en maio do ano pasado instalar unha marquesiña que protexa do sol e a choiva as persoas usuarias da estación de tren do barrio da Ponte.

O feito, era denunciado polo Goberno municipal de DO, que detallaba que "o motivo esgrimido por ADIF é que a entidade, polos seus tempos burocráticos, tardaría non menos de 2 anos en rematar a obra dunha marquesiña para a chaira da estación. Tendo en conta que as obras de construción dunha nova estación de tren comezarán en poucos meses, ADIF entende que non procede abordar a obra solicitada, nin por eles mesmos nin por parte do propio Concello”.

Agora, son os populares os que denuncian que, maila que as obra contemplan a construción de pérgolas de cubrición no exterior, o prazo de duración do contrato é de 73 meses, e piden a Adif que instale unha marquesiña provisional, cuxo custo, sinalan, “é mínimo en comparación coas elevadísimas inversións executadas e pendentes”.

Dende o PP denuncian que a resposta do Goberno tras a última pregunta realizada polo seu grupo ao respecto foi “completamente evasiva”, non concretado se finalmente atenderá as “reiteradas e xustas demandas de taxistas e viaxeiros e instalaría con urxencia na praza da Estación Intermodal de Ourense unha marquesiña que lles protexa das inclemencias meteorolóxicas”.

Lembran os populares que no pasado ano 2024, 2,2 millóns de pasaxeiros utilizaron o AVE Ourense-Madrid e xa se superaron os 6 millóns de viaxeiros transportados neste corredor ferroviario de alta velocidade nos seus tres primeiros anos.

“Estamos en Semana Santa, os trens que operan na liña Galicia-Madrid van completamente cheos a pesar de contar con máis do triplo de prazas. A estación de Ourense move unha inxente cantidade de viaxeiros, moitos dos cales necesitan coller un taxi na praza exterior”, denuncian. Sinalan que “mentres agardan, taxistas e usuarios carecen de protección algunha, como se acredita nestes días de intensas choivas e tamén, cando o tempo é mellor, non hai nin unha soa sombra que os protexa do intenso sol e das altas temperaturas da nosa cidade”.

Xa pasou máis dun ano desde que, o 20 de febreiro de 2024, ADIF-AV formalizara o contrato coa UTE para a execución das obras do proxecto de construción da nova estación intermodal de Ourense. Unhas obras que non comezaron oficialmente ata maio de 2024, aínda que foi en setembro cando se advertiron movementos na praia de vías de mercadorías. Polo momento, as obras aínda non comezaron no edificio de viaxeiros nin na praza exterior, onde está prevista a cubrición mediante pérgolas.

⚙ Configurar cookies
0.16459488868713