O PP pide ao Goberno un plan para garantir o futuro do taller de mantemento de locomotoras de Ourense

Os deputados do Partido Popular por Ourense, Ana Vázquez, Celso Delgado e Rosa Quintana, veñen de rexistrar unha iniciativa no Congreso na que solicitan ao Goberno un plan de investimentos que asegure a carga de traballo e os postos do obradoiro de mantemento de locomotoras situado na estación de Ourense. Tamén preguntan se o Executivo ten previsto atender a demanda de crear en Galicia unha base de mantemento para os trens de alta velocidade.
A iniciativa parte da recente licitación publicada pola Dirección Xeral de Renfe Mercadorías, que saca a concurso un contrato de mantemento durante cinco anos para 65 locomotoras da Serie 333.3. Segundo explicou o deputado Celso Delgado, esta decisión xerou preocupación entre os 32 traballadores do obradoiro de Ourense, que actualmente se encargan do mantemento de máis dun terzo desas unidades.
Os deputados populares consideran que externalizar estes servizos podería poñer en risco os postos de traballo en Ourense. Por iso, expoñen a necesidade de que o Ministerio de Transportes e Renfe garantan que a licitación non suporá unha redución da actividade do obradoiro.
Ademais, lembran que representantes dos traballadores teñen proposto a creación dunha base de mantemento de trens Avril en Galicia, dada a saturación dos obradoiros de Fuencarral (Madrid), encargados actualmente deste servizo na comunidade. Esta demanda tamén foi apoiada pola Xunta de Galicia, que expresou a súa preocupación polo futuro dos obradoiros de RENFE en Ourense, Redondela e Ferrol.
Desde o PP advirten que eliminar o obradoiro ourensán suporía un novo agravio para Galicia, afectando a unha infraestrutura ferroviaria que xa acumula retrasos e investimentos pendentes.