O PP reclama a reactivación inmediata da A-76 e denuncia o abandono da N-120 nas comarcas do sur de Lugo

Os senadores do Partido Popular por Lugo —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano— defenderán no Senado unha iniciativa para esixir ao Goberno central que reactive de forma inmediata a autovía A-76 entre Ourense e Ponferrada, cuxo trazado pasa por diversas localidades das provincias de Lugo e Ourense. A proposta vén acompañada do respaldo de alcaldes e portavoces de concellos do sur da provincia, que alertan sobre o abandono das infraestruturas viarias e reclaman accións urxentes.
Segundo denunciaron, o Executivo de Pedro Sánchez leva sete anos sen avances reais neste proxecto clave para a conexión coa Meseta e a vertebración de comarcas como Quiroga, Lemos e Valdeorras. “Non só non hai obras, senón que o Goberno recoñece que nin sequera ten planificación nin prazos”, critican os senadores, que lembran que todos os tramos da A-76 están actualmente paralizados.
A situación agrávase, explican, polo mal estado da estrada N-120, a única alternativa na zona. “Hai tramos completamente intransitables, como Quiroga-Valdeorras ou Guítara-Ferreira de Pantón”, alertan os representantes locais. A portavoz do PP en Ribas de Sil, Sandra Macía, subliña que no último ano e medio houbo máis de trinta accidentes no treito entre Rairos e O Castro de Abaixo. Pola súa banda, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, conclúe: “Se non constrúen a autovía, cando menos arranxen a estrada que temos”.
Os populares lembran que a A-76, cun trazado de máis de 130 quilómetros, forma parte dos compromisos esquecidos polo Goberno central e acusan tamén ao BNG de renunciar a esixir esta infraestrutura no marco do seu pacto co PSOE. Por iso, demandan información transparente e realista sobre os prazos, así como os investimentos necesarios para retomar as obras da A-76 e garantir a seguridade viaria nas comarcas afectadas.