O PPdeG comprométese a construir un novo centro de saúde para Mariñamansa
O candidato do PPdeG ao Parlamento de Galicia, Julio García Comesaña, e o líder do PP de Ourense, Luis Menor, visitaron onte á tarde a parcela situada ao carón do CHUO, onde a formación popular comprométese a construír na vindeira lexislatura un novo centro de saúde para a cidade, que substitúa ao actual da Cuña e dea servizo á veciñanza dos barrios de Mariñamansa, San Francisco, Barrocás, Seixalbo e Santa Mariña.
A construción deste centro de saúde estaba prevista no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria xa aprobado pola Xunta nesta lexislatura. Comesaña e Menor comprometeron agora a súa execución a través da cesión desta parcela por parte da Deputación de Ourense. O novo edificio, cun plan funcional formulado para 3.500 m2, rematará coas carencias de espazos e cos problemas de accesibilidade do actual centro de saúde da Cuña.
A zona onde se edificará o novo centro tamén experimentará unha mellora nas comunicacións, xa que na rotonda de Mariñamansa vai rematar o novo enlace coa N-525, de tal xeito que as ambulancias non terán que atravesar toda a cidade, desconxestionase de tráfico Marcelo Macías, reduciranse os tempos de traslado dos enfermos e facilitarase o movemento das 3.000 persoas que traballan no Complexo Hospitalario e das 4.000 visitas diarias que se calculan”.
Comesaña e Menor, acompañados polo concelleiro popular Jorge Pumar, formularon esta proposta como un complemento perfecto á transformación da infraestrutura da atención primaria da cidade, iniciada coa elaboración do proxecto do Centro Integral de Saúde de Ourense que iniciará as súas obras unha vez supere o trámite urbanístico municipal e que permitirá substituír ao actual centro de saúde de Nóvoa Santos e integrar tamén as instalación do PAC da rúa Concello.
Xunto a eses dous grandes procesos transformadores tamén se analizou a necesidade de abordar nesta vindeira lexislatura unha solución aos problemas de accesibilidade das ambulancias no centro de saúde de A Ponte.
Transformación histórica do CHUO
Os representantes do PPdeG lembraron que estes compromisos no eido sanitario para Ourense veñen avalados pola transformación histórica iniciada esta lexislatura no CHUO con actuacións por valor de 80 millóns de euros destinadas a levantar un novo edificio de hospitalización e materno-infantil; habilitar unha nova unidade de medicina nuclear na que se instalou o primeiro equipo diagnóstico PET da área; unha reforma integral da UCI con boxes individualizados, ou unha renovación total do equipamento tecnolóxico que permitiu incorporar cirurxía robótica ou poñer en marcha unha unidade de ictus.
Nese sentido, Comesaña lembrou que o programa electoral de Alfonso Rueda inclúe tamén a Fase II do Plan Director do CHUO, unha actuación xa planificada nesta lexislatura no oeste do actual hospital con dúas construcións: un edificio ambulatorio que aglutinará as consultas externas e os hospitais de día; e un edificio administrativo para as áreas de xestión, investigación, docencia, limpeza, mantemento ou sistemas de información, así como espazos para as asociación de pacientes ou espazos para facilitar a conciliación como escola infantil.