O PPdeG propón un plan de apoio ás farmacias rurais para garantir a súa sostibilidade
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo candidato popular da comarca, Xosé Manuel Merelles, e a alcaldesa de Larouco, Patricia Lamela, visitaron a oficina de farmacia do municipio onde expuxeron a proposta que figura no programa electoral do PP para as vindeiras eleccións do 18-F de aprobar o Plan de apoio ás farmacias rurais.
Comesaña, tamén membro da candidatura do PP, destacou que esta proposta busca blindar os servizos farmacéuticos á poboación dos núcleos rurais, a través de medidas que garantan a sostibilidade das farmacias que operan neste ámbito mediante mecanismos de colaboración co sistema sanitario público en ámbitos como a xestión da prestación farmacéutica das residencias sanitarias ou a difusión de sistemas personalizados de dosificación a pacientes maiores e polimedicados.
Neste senso, Comesaña detallou o programa do PPdeG afonda na necesaria colaboración do sistema público de saúde coas oficinas de farmacia, incluíndo o compromiso de contar con elas como colaboradoras do sistema público, deseñando novos programas de cooperación, establecendo unha canle áxil de comunicación co persoal de atención primaria para mellorar o seguimento dos tratamentos farmacolóxicos ou resolver dúbidas do paciente.
En particular, o programa inclúe de xeito destacado a iniciativa de potenciar a colaboración coa farmacia comunitaria na vixilancia epidemiolóxica a través de “farmacias centinela” que permitan localizar o aumento de determinadas enfermidades. Unha iniciativa que encaixa con mecanismos de promoción da saúde pública desenvolvidos ao longo desta lexislatura como o Observatorio Galego de Saúde Pública ou o Centro Galego de Prevención e Control de Enfermidades.
Comesaña quixo lembrar que estas propostas veñen avaladas pola colaboración coas oficinas de farmacia mantida nesta lexislatura, para proxectos como os programas de cribado durante a pandemia da covid-19, o fomento da doazón de sangue ou as campañas de información para controlar ameazas para a saúde pública como a proliferación de determinados insectos.
De xeito singular, o conselleiro destacou a posta en marcha dun Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos a pacientes polimedicados de máis de 75 anos, desenvolvido en colaboración coas oficinas de farmacia e que vén de actualizarse neste último mes para aumentar a súa poboación diana, reducindo o número de medicamentos prescritos de forma crónica necesarios para poder ter acceso a prestación de 13 a 10. Coa implantación deste programa, financiado pola Xunta a través dun acordo de colaboración cos colexios farmacéuticos, preténdese mellorar a adherencia terapéutica e garantir a eficacia e seguridade dos tratamentos, conseguindo deste xeito unha maior calidade de vida dos pacientes.