O PPdeG reivindícase como a “única opción válida” para gobernar Galicia na segunda Interparlamentaria celebrada en Ourense

OurenseXa
A sesión, celebrada baixo o lema “Conectados ao Futuro”, contou coa participación da secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, o presidente provincial, Luis Menor, e o secretario xeral do PP, Miguel Tellado
segunda-interparlamentariia-pp-ourense
30 Mar 2026

O PP celebrou esta fin de semana en Ourense a súa segunda Interparlamentaria baixo o lema “Conectados ao futuro”, unha xornada de traballo e coordinación que reuniu representantes das distintas cámaras lexislativas no claustro de San Francisco.

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, reivindicou o Partido Popular como “o grupo maioritario en todas e cada unha das institucións galegas e nacionais”. Durante a súa intervención, sinalou que “somos o partido da xente, a única opción válida para sacar a este país do caos de Sánchez e os seus socios independentistas”, nun acto no que tamén puxo o foco no papel do rural.

Na clausura, na que participaron o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, e o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, Prado afirmou que “o Partido Popular é a alternativa que merece Galicia e merece España”. Ademais, puxo en valor a representación institucional do partido, con 40 deputados no Parlamento de Galicia, 13 deputados nacionais e 14 senadores, así como a súa implantación en municipios pequenos. A número dous dos populares galegos destacou que o PPdeG goberna no 60% dos concellos de menos de 5.000 habitantes de Galicia, con ampla presenza na provincia de Ourense, poñendo en valor o PP como “o partido do rural, que quere seguir conectado e medrando”.

Durante a súa intervención, criticou a xestión do Goberno central e asegurou que “o PP defende aos galegos fronte aos ataques frontais dun Goberno a deriva”. Prado referiuse a cuestións como as infraestruturas, o financiamento da dependencia, ou a situación da alta velocidade, criticando a supresión de frecuencias da alta velocidade en A Gudiña. Así mesmo, destacou a necesidade de seguir traballando no territorio para afrontar retos electorais e impulsar políticas que, ao seu xuízo, beneficien á cidadanía.

Ademais, sinalou que o Goberno central “está moi lonxe de cumprir coa Lei de Dependencia”, e criticou que dos 733 millóns de euros destinados nese ano ao financiamento da dependencia, máis de 492 millóns eran da Xunta, fronte aos 241 millóns do Estado, o que supón unha diferencia de 250 millóns de euros. “A contribución estatal, en lugar de medrar, segue baixando ano a ano”, sinalou Prado, que advertiu de que “a débeda cos galegos en materia de dependencia supera xa os 3.000 millóns de euros”.

Por outra banda, reivindicou o acceso á vivenda como “prioridade máxima” do Goberno galego, con medidas concretas en marcha, fronte ás promesas de Sánchez para Galicia que cualificou de “propaganda electoral barata”.

Tamén criticou o “falso feminismo” dos socialistas e os seus socios, lembrando que son os da lei do ‘só si e si’ que puxo a centos de agresores sexuais na rúa, os escándalos das pulseiras antimaltrato, o DAO ou o uso da prostitución dos seus cargos. Referiuse ao caso Tomé, que continúa no poder grazas aos votos do PSOE e BNG.

Pola súa banda, o presidente do PP de Ourense, Luis Menor, salientou que a Interparlamentaria “impulsa a coordinación do traballo nas distintas cámaras lexislativas e a corporación provincial” e referiuse as principais conclusións da xornada, entre as que destacou que o PP ten como prioridade absoluta garantir un Ourense “conectado, moderno e con servizos públicos de primeira”.

Menor defendeu, ademais, un traballo político coordinado para acadar un Ourense con actividade económica sólida, apostando pola dixitalización, co obxectivo irrenunciable de lograr que a balneoterapia inclúase no Sistema Nacional de Saúde. Unha provincia saudable, onde xunto aos millonarios investimentos da Xunta en Sanidade, “construímos un lugar onde envellecer con dignidade e seguridade é un dereito”, en referencia á alianza estratéxica entre a Deputación e a Xunta de Galicia para crear máis residencias para maiores.

Avogou tamén por un rural vivo e competitivo, con remuda xeracional, montes blindados ante o lume cun modelo de prevención integral e xestión activa da biomasa, onde se protexa o patrimonio natural e “un rural que siga sendo seguro, poñendo freo ao desmantelamento de cuarteis da Garda Civil”.

Con esta segunda Interparlamentaria, afirmou o presidente provincial, “deixamos constancia do compromiso de defensa desta terra e as súas xentes, porque somos a voz que reclama o que nos pertence e a man que executa o que Ourense necesita”.

Pola súa banda, o secretario xeral do PP, Miguel Tellado, subliñou a “vocación de servizo” dos populares e sinalou que o PP de Ourense, “está ao carón da xente, que o demostra nas urnas con resultados estratosféricos para Ourense”.

O secretario xeral do PP criticou que Sánchez “segue defendendo un sistema de financiamento autonómico que rebenta a igualdade entre españois, sen orzamentos, sen maioría parlamentaria, sen ter ningún futuro e sen atreverse a dar voz aos españois nas urnas”.

0.13513684272766